Martín Seco pídelle á Consellería de Infraestruturas que habilite o acceso ás parcelas que quedan bloqueadas pola senda peonil paralela á AC-552 en Proame - A Laracha
O deputado socialista leva ao Parlamento o peche dos accesos ás parcelas, que terán que estar conectadas por un “suposto camiño de servidume en desuso porque non reúne as condicións axeitadas e non da servizo a todas as parcelas”
O parlamentario socialista Martín Seco vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para pedirlle á Consellería de Infraestruturas que habilite o acceso ás parcelas bloqueadas pola construción da senda peonil paralela á AC-552 ao seu paso por Proame, na Laracha.
O parlamentario socialista advirte que a obra carece de muro de cantería para facilitar o acceso, pechando o paso para os propietarios das parcelas, dedicadas ao labradío, que teñen que empregar “un suposto camiño de servidume en desuso e que carece das condicións axeitadas e non da servizo a todas as parcelas”.
Seco presenta esta iniciativa logo dunha visita ao lugar xunto coa portavoz socialista e candidata á alcaldía, Palomi Rodríguez, que lembrou que o alcalde de A Laracha que debera de ser o valedor dos intereses dos afectados, lle ten impedido aos veciños afectados dirixirse á conselleira cando foi presentar os traballos da nova senda. Daquela o rexedor “dixéralles que era un cargo moi importante para recibilos”, facendo de menos aos seus propios veciños e veciñas.
O Grupo Socialista pídelle á Consellería que atenda estas demandas dos propietarios cunha pequena modificación na execución da obra, xa que “aínda estamos a tempo de deixarlle o acceso debido ás parcelas con actividade agraria que tiñan antes das obras da senda peonil”.