Martín Seco acusa á Xunta de modificar as bases das axudas para que poidan beneficiarse empresas multadas polo incumprimento de Lei de Cadea Alimentaria
A iniciativa do deputado socialista pretendía que o goberno galego clarifique cal foi a motivación que levou á Consellería de Medio Rural a modificar as medidas que garantían que as industrias paguen con xustiza aos produtores
O deputado do grupo socialista Martín Seco denunciou hoxe ao grupo do PP e á Consellería de Medio Rural que non se tomen medidas reguladoras para que os empresarios paguen uns prezos xustos aos produtores. Seco esixiu unha explicación de porqué se modificaron as bases de axudas, que negaban estes subsidios ás empresas que non cumpriran coa Lei en cadea alimentaria e non remunerasen “o que os produtores merecen polos seus produtos”, deixando entrever “outros intereses” entre os empresarios e a administración.
En xaneiro de 2023 introdúcese unha modificación das bases, que establecía como requisito cumprir coa Lei da cadea e “pagar xustamente aos nosos produtores”, excluíndo das axudas aos solicitantes que “fosen obxecto de sanción firme grave ou moi grave, en base ao previsto na Lei 12/2013 para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, en dous anos anteriores á data da solicitude”.
En febreiro do mesmo ano a empresa INLEIT foi sancionada pola AICA do estado por incumprimento da Lei da cadea alimentaria e posteriormente o presidente da xunta realizou unha visita no mes seguinte que poñía en valor o seu traballo. Tres meses despois de modificar as bases das axudas, o goberno galego deu “un paso atrás”, publicándose no DOG unha modificación das bases destas axudas, polo que INLEIT recibiu en 2018, 2020 e 2022 máis de 7 millóns de euros en axudas de fondos públicos, mentres que esta entidade “maltrataba aos gandeiros”.
Nesa nova alteración do regulamento, con unha apertura dun novo período de solicitude, púxose en manifesto que o novo requisito “podería ter consecuencias desproporcionadas para as empresas” e contribuísen a unha “penalización excesiva”. Esta variación non reflexa unha preocupación polos prezos que perciben os traballadores nin pola falla de cumprimento da Lei da cadea alimentaria e a Administración segue sen introducir mecanismos para garantir o seu cumprimento, engadiu, ademais de “renunciar a penalizar aquelas empresas que incumpren con dita lei cando deran o primeiro paso para facelo”.
Seco García emprazou á Consellería do Medio Rural a decidir se quere ser "un colaborador necesario do denominado cartel da leite" ou rectificar este paso atrás que non ampara aos produtores que se atopan nunha situación de incremento de prezos en materias primas e a enerxía en Europa que non está sendo acompañado por un aumento suficiente no preza que as empresas lles pagan polos seus produtos, unha situación que supón un “claro incumprimento da Lei de cadea alimentaria” que establece que os prezos que reciben os produtores deben cubrir os custes de produción e deixar un marxe de beneficio axeitado polo traballo que realizan.