“O procedemento de contratación en Arteixo é opaco, cun abuso claro dos contratos a dedo”

“Non é algo novo e cada ano repítese a mesma situación. O Goberno local segue un procedemento de contratación pouco transparente, opaco, que non proporciona igualdade de oportunidades ás empresas que queiran traballar para a Administración”, afirma o voceiro do grupo municipal do PSdeG de Arteixo, Simón López. Fai referencia ao informe da Conta Xeral de 2019, que desde hoxe está en exposición pública. “No seu informe, Intervención salienta o alto porcentaxe de adxudicación directa/contrato menor, que representa un 47,69%”.

 

En contratos menores de obras, é do 15,15%, pero en subministración chega ao 81,81%. “O Goberno do PP debería sacar a concurso, cun procedemento aberto e en igualdade de condicións estas subministracións -como as conserxerías ou a telefonía- para garantir o menor custo. Ese aforro poderíase dedicar a servizos sociais ou a investimentos nas parroquias”, expón López.

 

“Os socialistas consideramos que os contratos a dedo deberían ser unha excepción, tal e como marca a lei, e non o procedemento habitual dunha administración. Solicitaremos ao Goberno local que reduza as adxudicacións directas e, na medida do posible e da súa legalidade, que inclúa nos baremos de puntuación o criterio de que sexan de Arteixo para beneficiar á economía local”, conclúe López.

Anterior
Anterior

Solicitaremos unha reunión de toda a corporación para consensuar os pasos a dar na liberación da peaxe da AG-55

Siguiente
Siguiente

A Xunta só destina 50.000 euros para un novo CEIP polo “servilismo” do PP de Arteixo