Esiximos que se permita traballar á hostalaría de Arteixo
“É inconcibible que os hostaleiros arteixáns estean a recibir un trato diferente do resto de concellos da contorna”, afirma o voceiro socialista, Simón López
As novas medidas adoptadas pola Xunta permiten a mobilidade entre os concellos galegos a excepción de aqueles con nivel máximo de restricións. Ante esta nova situación, as medidas que afectan a Arteixo e a proximidade de Semana Santa, apelamos -en primeiro lugar- á responsabilidade individual e reclamamos que se permita aos hostaleiros do municipio traballar.
“Estamos contentos de que a situación epidemiolóxica estea a experimentar unha mellora e que iso permita reducir as restricións de movemento e consumo no comercio local gracias a ampliación de horario”, subliña o voceiro socialista, Simón López. O concelleiro incide na importancia de cada persoa para “evitar situacións que nos fagan retroceder na escala de riscos da Xunta”.
Insistimos unha vez máis en reclamarlle ao alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, que interceda ante o Goberno autonómico e se permita aos hostaleiros do concello traballar e competir como destino de ocio para os residentes doutros concellos, con todas as medidas de seguridade e hixiene que esixen a situación actual.
“É totalmente inconcibible que estean a recibir un trato completamente diferente do resto de concellos da contorna, estando na mesma situación epidemiolóxica, se temos en conta a incidencia acumulada dos últimos días, aínda que esteamos en distinto nivel”, afirma López.
Queremos invitar aos veciños a coñecer Arteixo, os seus comercios e paisaxes.