O PP rexeita no Parlamento de Galicia a iniciativa de Martín Seco en contra da Liña de Alta Tensión, idéntica á aprobada no Pleno Municipal de Arteixo
Simón López e Luis Vázquez, concelleiros do Grupo Socialista no Concello de Arteixo, estiveron presentes no hemiciclo galego durante a Comisión na que o PP votou en contra.
Martín Seco: “Afectaría de forma crítica e irreversible á paisaxe de Arteixo”. O responsable socialista critica a “preocupante falla de transparencia dun goberno galego que deseña un proxecto eólico “de costas ao pobo” e sen escoitar ao Concello de Arteixo.
O voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de instar á Xunta de Galicia a retirar o proxecto da liña de alta tensión do parque eólico de Monteagudo (en Carballo) ata a subestación do polígono de Morás, en Arteixo. Fíxoo hoxe, na Comisión de Industria do Parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei.
A iniciativa socialista, que foi rexeitada polo PP, é a mesma que levou ao pleno do Concello de Arteixo o Grupo Municipal do PP e que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos municipais do concello.
“Esta nova liña de alta tensión de 66 kv atravesaría 13.600 metros con 47 torres de alta tensión de ata 42 metros de altura e afectaría de forma crítica e irreversible á paisaxe”, aseverou o socialista, quen lembrou que o territorio afectado está comprendido na Reserva da Biosfera e é moi próximo aos humidais costeiros, á Rede Natura da Costa da Morte, así como a espazos singulares como a Fraga de Sisalde, xunto ao que se atopa un dos abastecementos de auga potable de Arteixo e paisaxes castrexas.
Representantes do Grupo Municipal Socialista reuníronse con Seco tras a Comisión na que o PP votou en contra da PNL.
Máis información: Enlace á web do PSdeG