Sen noticias sobre o local para a Asociación Veciñal Manuel Murguía de Arteixo

Os socialistas arteixáns lémbranlle ao goberno municipal de Carlos Calvelo a promesa de dotar á Asociación Veciñal Manuel Murguía dun novo local en Solymar planificada dentro do plan de dinamización comercial de 2022.

Martín Seco: “Esta é outra das promesas de Calvelo que leva o vento. A día de hoxe a asociación veciñal segue sen local e o plan de dinamización comercial segue sen executar”

O grupo municipal socialista de Arteixo ven de pedir información ao goberno local do Partido Popular sobre a situación na que se atopa o novo local prometido en 2022 á Asociación Veciñal Manuel Murguía incluido no plan de dinamización comercial para Solymar.

A Asociación Veciñal Manuel Murguía de Oseiro é unha das asociacións máis antiga e con maior actividade do concello de Arteixo, que dende os seus inicios disponía dun local na urbanización de Solymar para desenvolver a súa actividade.

O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, explica que o goberno local decidiu reformar ese local e ampliar ás instalacións da Aula Aberta  no ano 2022, coa promesa de poñer a disposición da asociación un novo local de 154 metros cadrados que acababa de mercar na propia praza Manuel Murguía por un importe de 50.870 euros.

A cesión do novo local formaba parte do  plan de dinamización comercial destinado a zonas con pouco tránsito peonil e baixa densidade de locais de proximidade, financiado con fondos europeos, co que o  Concello adquiriría baixos sen actividade para ofertalos con alugueres  económicos para atraer novos negocios. 

O lugar escollido inicialmente para o desenvolvemento desta iniciativa era a zona entre as rúas Miguel de Cervantes, Francisco de Quevedo e Calderón de la Barca, onde existe unha gran praza pública e varios pasadizos con locais sen uso.

“Esta é outra das promesas de Calvelo que leva o vento”  afirma Martín Seco “A día de hoxe a asociación veciñal segue sen local e o plan de dinamización comercial segue sen executar. Quedaron como meros anuncios nos medios de comunicación”,

 

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo pregunta pola iniciativa de arte urbano REMUAU

Siguiente
Siguiente

Os socialistas de Arteixo denuncian o abandono dos camiños e rúas no barrio de Baer