Os socialistas de Arteixo reclaman unha rede de aulas de estudo municipais

Instan ao goberno local a implantar un sistema de reforzo educativo para o estudantado con máis dificultades académicas e menos recursos económicos

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de xuño para reclamar unha rede de aulas de estudo municipais coas condicións necesarias de espazo, silencio e con horarios adaptados paro o estudantado.

O concello de Arteixo conta cunha rede de bibliotecas municipais en diferentes núcleos de municipio e cun sistema de dinamización, pero dende o PSdeG-PSOE solicitan novamente a posta en marcha dunha rede de aulas de estudio municipais “para que os nosos estudantes teñan uns espazos físicos onde poder estudar e preparar os exames.”

“As aulas de estudo deben de ser espazos pensados para desenvolver actividades de carácter formativo que requiran dunha especial concentración e traballo individual” explica o portavoz socialista, Martín Seco, “e polo que se ve o goberno municipal ten nulo interese en garantir esas condicións de estudo con espazos axeitados, un horario adaptado, unha correcta climatización e insonorización e acceso a wifi gratuíto”.

Seco engade que nun concello xove como Arteixo, con miles de rapaces e rapazas en idade escolar, estudantes universitarios, opositores, etc. “non é comprensible que despois de 13 anos de goberno e cun orzamento que fixo posible a construción de novas infraestruturas, moitas delas sen contido, o goberno do PP siga sen poñer en marcha uns espazos físicos adaptados as necesidades da mocidade”.

O portavoz socialista sinala que a biblioteca central ten un espazo limitado e realiza actividades para os máis pequenos polo que non reúne condicións para o estudo como tampoco o resto da rede de bibliotecas, sen horarios adaptados para o estudantado.

Ademais Seco engade que o concello tamén debería poñer en marcha “un sistema de reforzo educativo para estudantes que teñen máis dificultades na súa formación e carecen das condicións económicas para acceder a este apoio de forma privada”.

 

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo denuncia a precaria situación da atención primaria en Arteixo 

Siguiente
Siguiente

Sen respostas do goberno local de Arteixo para o Campo de Fútbol de Oseiro