Sen respostas do goberno local de Arteixo para o Campo de Fútbol de Oseiro

Os socialistas de Arteixo piden coñecer a situación das permutas das parcelas e reclámanlle ao grupo de goberno diálogo co club e a asociación de veciños

Proposta do programa electoral do PSOE

O grupo municipal socialista de Arteixo reclamou ao grupo de goberno local que aclarase a situación das permutas das parcelas onde estaban situados os campos de fútbol de Oseiro cunha empresa privada, así como se teñen o visto e prace da Deputación Provincial para facelo.

Os socialistas pedíronlle ao goberno local mais diálogo co club que utilizaba o campo e coa asociación de veciños/as.

O portavoz do grupo municipal socialista e secretario xeral do PSOE arteixán, Martín Seco, lembra que no pleno ordinario de abril o grupo de goberno votou en contra da moción dos socialistas para que o concello se fixese con solo na parroquia de Oseiro á maior brevidade posible para desenvolver un plan especial de infraestruturas deportivas. Os socialistas reclamaron construír nese solo unha zona deportiva cun campo de fútbol e outros espazos deportivos. “Todo isto antes de levar a cabo a permuta das actuais parcelas dos campos de fútbol cunha empresa privada” sinala Seco.

“A veciñanza de Oseiro, unha das parroquias máis habitadas do noso concello non entende que este espazo público que estivo a disposición da veciñanza, e que leva anos en abandono, pase a mans privadas sen unha compensación para a cidadanía” argumenta o portavoz socialista, que explica que “por iso hai un proceso de recollida de para que non se realice a permuta sen antes compensar cunha infraestrutura similar a cidadanía da parroquia”.

SEN SOLUCIÓNS DESDE 2016

O club de fútbol de Oseiro pediu unha reunión co alcalde xa en 2016 para falar da infraestutura. Según Seco “o club incluso solicitou “sen éxito” retornar ás instalacións unha vez que o Pastoriza deixou de utilizalas” e ao tempo que se deixaba utilizar os campos a outro equipo. “Tamén a asociación de veciños Santirso de Oseiro pediu reunirse e dialogar co grupo de goberno sobre esta problemática para chegar a acordos que sexan satisfactorios para a veciñanza, pero o goberno do PP non fai nada para falar con eles” expón Martín Seco.

“Dende o noso grupo entendemos que o mantemento da actividade da empresa que solicitou a permuta é positiva”, afirma o voceiro socialista “pero só debería de facerse cun compromiso claro por parte de toda a corporación arteixá e do seu goberno local para compensar á veciñanza de Oseiro co desenvolvemento dun plan especial para dotar a esta parroquia dunha zona deportiva, un campo de fútbol e outros espazos deportivos”, tal e como saeu publicado nos medios de comunicación no ano 2022.  

“Ademais sabemos que no convenio subscrito coa Deputación de A Coruña para a cesión do Polígono de Sabón, ten que ter o visto bo do ente provincial pero a día de hoxe non temos constancia de que estea concedido” remata Seco.

 

Anterior
Anterior

Os socialistas de Arteixo reclaman unha rede de aulas de estudo municipais

Siguiente
Siguiente

O PSOE demanda unha infraestrutura para mascotas e campañas de concienciación de limpeza de excrementos