Os socialistas de Arteixo denuncian a inacción do goberno local ante o segundo lume en tres anos na planta de compostaxe de Figueroa

O grupo municipal socialista preguntará de novo no pleno se o grupo de goberno abriu algún expediente por este novo lume de 2022, que medidas se tomaron desde o lume de 2019 e cales pensan tomar nesta ocasión para evitar a situación de incertidume e inseguridade que viven os veciños próximos á planta.

O Partido Socialista de Arteixo denuncia a falla de comunicación do concello sobre as actuacións realizadas con relación a planta de compostaxe de Figueroa e amosa publicamente a súa preocupación pola situación existente cun novo lume nas súas instalacións que comezou o día 3 de novembro e que segue a ter focos de combustión e desprende un fume potencialmente contaminante que respiran os veciños de Figueroa e o Rañal, que incluso chega ao núcleo de Arteixo cando sopra aire do nordés.

Os socialistas arteixáns insisten en que xa que a finais do ano 2019 aconteceu unha situación similar coa combustión de pilas de residuos da mesma planta que estiveron activas durante meses, expulsando ao aire uns fumes cunha importante olor e alto potencial contaminante. Tamén lembran a proximidade da planta a zonas como Figueroa (400m), o IES de Sabón (600m), aos campos de fútbol (750m), a piscina municipal (950m) ou  Rañal, e ao concello en xeral, que volven sufrir as cosecuencias da combustión descontrolada  tres anos despois.

“Despois deste novo suceso estamos sorprendidos pola falla de actuacións e de solucións que dan dende o noso concello” afirma Patricia Boedo, voceira do grupo municipal socialista e explica que dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE xa preguntaron en 2019 ao goberno local en sesión plenaria sobre o presunto incumprimento do proxecto presentado no 2017 ante o Concello no referente á cantidade tratada e á superficie das pilas de residuos así como no tempo de almacenamento. Tamén preguntaron sobre as actuacións e trámites de control levados a cabo polo concello dende todos os seus departamentos, “pero como sempre o PP no goberno non aportou nada de información sobre a problemática” explica Boedo.

“Fai tres anos vivimos a incapacidade da Xunta de Galicia e do Concello de Arteixo para tomar medidas de protección da poboación afectada e dar solucións ao grave problema de seguridade e salubridade que xera esta instalación para a nosa veciñanza” continúa a voceira socialista, e insiste en que seguen sendo “descoñecedores de cales foron as actuacións que levou a cabo o departamento de urbanismo e medio ambiente do noso concello despois dos sucesos do 2019”, xa que “o sistema de almacenamento e as infraestruturas continúan igual” según as informacións recibidas polos veciños da zona.

Para Patricia Boedo, “o goberno local do PP de Arteixo tomou a posición de “Don Tancredo”, deixando pasar o tempo sen facer nada para ver se todo voltaba á normalidade pero a veciñanza precisa solucións e explicacións”.

Anterior
Anterior

O PSdeG-PSOE de Arteixo acusa ao goberno local do PP de ter “metidas nun caixón” as demandas da parroquia de Barrañán

Siguiente
Siguiente

O PSdeG-PSOE de Arteixo solicita ao goberno local que tome medidas pola contaminación que afecta á veciñanza de Figueroa e o Rañal polas descargas de carbón e clinker