O PSdeG-PSOE de Arteixo acusa ao goberno local do PP de ter “metidas nun caixón” as demandas da parroquia de Barrañán
Os socialistas afirman que este é un mandato baleiro de inversións locais para esa parroquia, na que a única actuación salientable foi a obra de ampliación da antiga escola unitaria situada no barrio de Outeiro grazas aos fondos da Deputación Provincial de A Coruña.
Os socialistas de Arteixo denunciarán no vindeiro pleno o esquecemento do goberno local coa parroquia de Barrañán que en 12 anos de goberno popular continuado non ten recibido melloras nas súas infraestruturas que redunden nunha mellor calidade de vida da súa veciñanza.
O PSOE de Arteixo afirma que a pesar da “inxente cantidade de fondos nos orzamentos” que se aproban ano tras ano, a “única actuación salientable” foi a obra de ampliación da antiga escola unitaria situada no barrio de Outeiro. Unha obra, recordan os socialistas, que se financiou case na súa totalidade con fondos da Deputación Provincial da Coruña, pero que “o resto das necesidades da parroquia están metidas nun caixón” afirma Patricia Boedo, voceira do PSdeG_PSOE no concello.
Boedo insiste que este abandono é se cabe máis grave tendo en conta “as grandes posibilidades de desenvolvemento dos seus núcleos, con amplas oportunidades turísticas e de protección medio ambiental que o goberno local non sabe como articular cun PXOM paralizado”.
Por iso, o grupo socialista no concello de Arteixo pediralle ao grupo de goberno do Partido Popular que “planifique o futuro desas grandes posibilidades que ten esta coñecida parroquia en toda a comarca coruñesa” e desenvolva as actuacións demandadas durante anos pola veciñanza de Barrañán, como a finalización das beirarrúas na estrada CP-506; a renovación do deficiente alumeado na parroquia, sobre todo no tramo da estrada CP-506 en Branquenza; a mellora da estrada que vai dende o Igrexario á Esfarrapa, ou mantemento da fonte da Esfarrapa, entre outras.
Os socialistas recordan tamén que nesa parroquia aínda quedan vivendas que non están conectadas ao sistema de saneamento polo que é preciso melloras na inspección da empresa pública de augas de Arteixo para que se poidan tomar medidas urxentes contra a multitude de verteduras que xorden nalgúns puntos da parroquia.
“Para este goberno municipal, Barrañán non existe” di Patricia Boedo, quen engade que “a deixaron nun esquecemento total porque nin tan sequera o goberno local veu reunirse cos veciños para ver a dispoñibilidade de terreos para algunha desas actuacións prometidas”. “Este está a ser un mandato baleiro de investimento local nesta parroquia” conclúe.