O PSdeG-PSOE de Arteixo solicita ao goberno local que tome medidas pola contaminación que afecta á veciñanza de Figueroa e o Rañal polas descargas de carbón e clinker
Os socialistas lembran que o concello ten representación no Consello de Administración do Porto da Coruña e piden que se analice se a infraestrutura da medusa que se vai desinstalar na cidade da Coruña podría ser adaptable ao porto de Langosteira para evitar a contaminación e garantir a salubridade do territorio.
O grupo municipal do PSOE de Arteixo denuncia novamente as molestias que sofren os veciños do municipio polas descargas sen control do clinker e outros graneis sólidos no Porto Exterior e esixen ao goberno local do PP que tome as medidas oportunas para evitar a contaminación que producen.
A voceira municipal, Patricia Boedo, sinala que esas descargas se fan “sen as medidas precisas para garantir que non se disperse por todo o territorio arteixán” como xa veñen denunciando desde 2015 e reclaman ao goberno local que utilice a súa representación no Consello de Administración do Porto da Coruña para defender os intereses dos veciños e veciñas de Arteixo que ven afectada a súa saúde.
Dende o grupo municipal socialista recollen as protestas dos cidadáns e esixen á Xunta de Galicia que deixe de estar de costas aos veciños de Arteixo ante as reiteradas denuncias para que as instalacións do porto teñan os sistemas necesarios para garantir a salubridade necesaria e o respecto polo medio ambiente.
Para os socialistas arteixáns, agora que o goberno local da Coruña ven de conceder a Naturgy a licencia para desmontar a medusa, o almacén de carbón do peirao do Centenario, “é un momento adecuado para analizar se esa estrutura pode ser aproveitada para o porto de Langosteira” e evitar así a contaminación que producen as descargas, aínda que de non ser factible “o goberno local de Arteixo ten a obriga de que o seu representante no Consello de Administración do Porto da Coruña propoña buscar outras solucións e non esquecerse da saúde da nosa veciñanza” explica Patricia Boedo.
A voceira socialista denuncia que mentres a veciñanza padece todos os inconvenientes que implica a instalación do porto de Langosteira e as súas infraestruturas, “nin o Porto da Coruña nin o representante do goberno local” buscan melloras para as zonas afectadas. “Parece que para o único que serve o noso representante é para cobrar as dietas de asistencia ás reunións do consello” di Boedo.
“Os socialistas esiximos que se tomen as medidas axeitadas e necesarias” continúa Boedo e urxe ao Concello de Arteixo e á Xunta de Galicia a tomar unha maior implicación nos problemas que a actividade diaria do Porto Exterior provocan na cidadanía de Arteixo.