Os socialistas de Arteixo critican que o goberno municipal desatenda as numerosas peticións da veciñanza de Oseiro

O grupo municipal socialista considera que esas demandas deben ser atendidas nun concello de “bonanza económica” cun orzamento de case 70 millóns de euros.

O grupo municipal socialista levará ao pleno as numerosas reivindicacións da veciñanza de Oseiro que leva tempo pedindo melloras na mobilidade e infraestruturas da súa parroquia sen resposta por parte do goberno municipal do Partido Popular.

Os socialistas arteixáns aseguran que recollen as peticións que lles trasladan os veciños de Oseiro “porque deben de ser atendidas por un concello dunha gran bonanza económica que vai aprobar un orzamento de preto de 70 millóns de euros para o ano 2023”.

A voceira socialista, Patricia Boedo, sinala “o elevado número de demandas da veciñanza de Oseiro sen atender” e enumera cuestións como a mellora da seguridade viaria e mobilidade na Travesía de Oseiro, a finalización das súas beirarrúas, as melloras de seguridade viaria no cruce coa Travesía de Sabón, as solucións ao tráfico pesado e aparcamento na Travesía de Sabón, as obras de seguridade viaria e mellora do pavimento na rúa das Viñas ou a elaboración dun plan de rexeneración e revitalización de Oseiro aldea.

“O goberno local debera apostar tamén por seguir mantendo o solo deportivo onde se sitúan actualmente os campos de fútbol de Oseiro, que debera de ser utilizado para dotar de novos servizos deportivos aos clubes da parroquia”  continúa Boedo, e engade que no rogo que levan ao pleno os socialistas pedirán tamén a instalación de mobiliario na nova praza onde se sitúa a Fonte do Abade, “que precisa dunha marquesina na parada de bus da zona”; a apertura dos baños do centro social para a veciñanza con algún punto de sombra no seu exterior e un espazo para o funcionamento da Asociación Santirso de Oseiro, así como a protección e acondicionamento do entorno do encoro de Sabón para a fauna existente e cun paseo para o lecer dos veciños.  

Anterior
Anterior

O PSdeG-PSOE de Arteixo apoia as reivindicacións dos traballadores de JEVASO en Sabón

Siguiente
Siguiente

O PSdeG-PSOE de Arteixo denuncia a situación de inseguridade que vive a veciñanza da rúa Rosa Chacel