O PSdeG-PSOE de Arteixo denuncia a situación de inseguridade que vive a veciñanza da rúa Rosa Chacel
Os socialistas piden ao goberno local que tome medidas urxentes para rehabilitar e humanizar o barrio do Petón en Meicende que melloren a súa mobilidade, accesibilidade, iluminación, limpeza das fincas e seguridade.
Os socialistas de Arteixo denuncian a situación de abandono do barrio do Petón en Meicende e instan ao goberno local a tomar medidas urxentes para rehabilitar e humanizar a mobilidade, accesibilidade, iluminación, limpeza das fincas e a seguridade do barrio, especialmente na rúa Rosa Chacel onde existe un grave problema cunha construcción sen rematar.
“Hai seis meses que o noso grupo xa pedía un plan de rehabilitación para O Petón, para evitar que se convirta nun foco de delincuencia se non se toman as medidas oportunas” afirma a voceira socialista Patricia Boedo.
A edil tamén indica que na rúa Rosa Chacel existe unha construción sen rematar que “leva anos sendo denunciada pola veciñanza” debido a inseguridade que produce a caída de cascotes e taboleiros dun esqueleto de formigón que está situado por encima dun paso de servidume a outras propiedades.
“Os veciños queixanse de que teñen denunciado a situación ante o concello, pero seguen sen recibir ningunha solución por parte da administración local a pesar de que o concello xa sancionou aos propietarios por denuncias anteriores e tivo que actuar de xeito subsidiario para garantir a seguridade” denuncia a concelleira socialista.
Boedo denuncia que “descoñecemos cal é a situación urbanística desta construcción” e “cales son as medidas que dende o concello se están a tomar” despois do expediente sancionador aberto no ano 2012 e que foi publicado nos medios de comunicación.
Por iso o grupo socialista preguntará no pleno se o goberno local é coñecedor da situación de inseguridade que vive a veciñanza da rúa Rosa Chacel e os usuarios da servidume de acceso que pasa por debaixo da construción sen rematar e demanda coñecer que medidas vai tomar para garantir que deixen de caer cascotes dese esqueleto de formigón.
“E preciso saber en que situación urbanística está a construción e se existe algún expediente de derribo ou sancionador contra os propietarios” remata Patricia Boedo.