O PSOE solicita ao goberno de Arteixo que controle as continuas verteduras ao río Bolaños
Os socialistas denuncian a inacción do goberno local ante o mal estado habitual da agua do río, especialmente o pasado domingo.
O Partido Socialista en Arteixo está preocupado polas continuas verteduras que recibe o río Bolaños ao seu paso polo núcleo urbano do concello, sen que o grupo de goberno local “faga nada para evitalo” a pesar de que “en multitude de ocasións se pediu que se puxera algún sistema de control e se analizase de onde poden esas verteduras”.
O voceiro socialista no concello, Martín Seco, considera que “o río que atravesa o núcleo urbano e o polígono industrial de Sabón, debería de contar cun sistema de control de verteduras” e “dende o concello debéramos actuar contra quen está a encher o río de contaminación”.
Seco destaca ademais que o Bolaños acaba desembocando na praia do Rañal, “o areal máis concorrido pola poboación do núcleo de Arteixo e son moitas as familias con nenos pequenos que se bañan neste areal que a pesar da bandeira azul teñen que soportar esta auga contaminada”.
Os socialistas denuncian que “este domingo o río baixaba completamente branco e desprendía un olor insoportable” tal como podía comprobar toda a veciñanza que camiñaba polo paseo fluvial.“Despois de 14 anos de goberno, é hora de pasar das palabras aos feitos e tratar de controlar que o río que atravesa o núcleo urbano o faga limpo e cuidado” remata Seco.