O PSOE insta ao goberno local a reforzar urxentemente o Centro de Información ás Mulleres de Arteixo

O grupo municipal socialista considera que este servizo é esencial para atender un problema de vital importancia para a sociedade e demanda reforzar o persoal recuperando a independencia dos postos de directora e psicóloga, aumentar as horas de asistencia xurídica e de atención psicolóxica para menores, así como a cobertura do posto da traballadora social.

Os socialistas arteixáns presentarán unha moción no pleno de setembro para instar ao goberno local a reforzar o persoal asignado ao CIM de Arteixo, recuperar a independencia dos postos de directora e psicóloga, aumentar as horas de asistencia xurídica e de atención psicolóxica para menores así como a cobertura do posto da traballadora social asignada ao centro para ter unha mellor atención aos usuarios/as nun problema de vital importancia para todos/as.

A portavoz do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, argumenta que esta moción está máis que xustificada tendo en conta as 49 mulleres asasinadas en España como consecuencia da violencia de xénero en 2022, “e outras 49 no que levamos de 2023” e considera fundamental “actuar unidos como sociedade para deter “esta lacra”. “Non vale poñerse de perfil entre os verdugos e as vítimas. Hai que poñer todos os medios necesarios para evitar que se siga asasinando a mulleres e aos seus fillos” afirma Boedo.

Nesa loita contra a violencia de xénero cobran un labor esencial os Centros de Información á Muller que dende o ano 2004 son instrumentos dunha importancia decisiva no ámbito local para a promoción da igualdade de xénero grazas ás actividades que desenvolven e, por outra banda, a atención inestimable ás persoas que demandan o servizo, principalmente nos ámbitos xurídico, psicolóxico e de información de acceso aos recursos dispoñibles.

Dentro da atención prestada os socialistas destacan especialmente a das mulleres en situación de vulnerabilidade por diversos motivos e, en concreto, ás mulleres vítimas de violencia de xénero ou en risco de ser potenciais sufridoras desa situación. “Os CIM convertéronse en ferramentas decisivas na prevención, detección, tratamento e loita en xeral contra esta lacre social desde unha relación de proximidade e atención directa” explica a voceira socialista.

Os socialistas indican que ata 2016 o CIM de Arteixo contaba cunha directora, unha psicóloga, unha avogada e unha traballadora social asignada a este servizo, pero  no momento do nomeamento da directora do CIM como coordinadora do departamento de servizos sociais, “o centro conta cunha persoa menos para a atención dos usuarios, unha situación que non foi corrixida nestes anos”, xerando unha atención máis deficiente.

Ademais denuncian que a avogada e a axente de igualdade teñen unha asistencia de 10 horas semanais e o servizo de asistencia a menores que sofren a violencia de xénero é de 3 horas á semana, “totalmente insuficiente nun concello onde hai máis de 2.200 persoas usuarias do servizo” e que a pesar do intenso traballo que fan as profesionais do CIM provoca un aumento nas listas de agarda.

A isto hai que engadir a baixa por maternidade da traballadora social asignada a este centro que repercute no resto de traballadoras sociais do departamento de servizos sociais, un servizo xa desbordado que agora ten que asumir a asistencia ás vítimas de violencia de xénero.

Anterior
Anterior

Patricia Boedo renuncia por motivos personais á súa acta de concelleira da corporación municipal de Arteixo

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo acusa ao goberno local de deixar nun caixón as necesidades da parroquia de Barrañán