O PSOE de Arteixo demanda unha xestión municipal máis áxil e transparente

Os socialistas solicitan que o concello poña un funcionamento unha aplicación para PC e móbil para avisos e incidencias, unha oficina de atención á veciñanza onde poder rexistrar solicitudes ou incidencias en caso de non ter acceso ás novas tecnoloxías e un horario de atención ao público asegurado do alcalde e dos/das concelleiros/as de goberno que garanta un trato igualitario entre a veciñanza.

O grupo municipal socialista presentará no pleno de febreiro unha moción na que demandan unha xestión municipal máis axil e transparente.

O portavoz do grupo municipal socialista, Martí Seco, sinala que “a administración local é a máis próxima á ciudadanía e polo tanto a que debe dotarse dunha maior axilidade nos trámites que teñen que realizar os seus administrados/as e darlle unha solución rápida aos problemas que xorden no seu territorio”.

Para os socialistas, as administracións públicas deben de utilizar as novas tecnoloxías para darlle unha maior eficiencia e rapidez a xestión dos servizos que ofrecen á veciñanza. “Unha avaría eléctrica, un problema no subministro de augas, a solicitude de recollida dun residuo ao punto limpo, a comunicación da caída dunha árbore, un incidente viario, un elemento do mobiliario público en mal estado, unha finca sen limpar ou calquera outro tipo de incidencia debera de ter unha canle de comunicación rápida e sinxela,” expón o concelleiro socialista, “sen ter que acudir ao sistema do século pasado para poñerse en contacto cun concelleiro/a ou cun amigo/a do grupo de goberno para poder facelo.”

Na moción, o grupo municipal propón un acordo para que o goberno local poña en funcionamento unha aplicación para PC e móbil para comunicar avisos e incidencias e axilizar a solución aos problemas da veciñanza do concello. Tamén demandan unha oficina de atención á veciñanza para rexistrar solicitudes ou incidencias en caso de non ter acceso ás novas tecnoloxías; así como un horario de atención ao público do alcalde e dos/das concelleiros/as de goberno, “cun sistema que garanta un trato igualitario entre a veciñanza cunha hora e día de atención asegurada”.

Seco explica que o debate sobre a posta en marcha dunha aplicación de móbil/ordenador para poder xestionar este tipo de avisos e incidencias “xa tivo lugar nesta corporación na década do 2010” pero que aínda que o grupo de goberno do PP naquel momento dixo que a estaba a poñer en funcionamento, “esta é outra das promesas sen cumplir do alcalde Carlos Calvelo e quedou unha vez máis como unha desculpa para contestar ao noso grupo que pedía que se articularan fórmulas para dar unha mellor atención á nosa ciudadanía”.

Ademáis os socialistas inciden na necesidade de que o alcalde ou os concelleiros/as responsables de cada área, poñan a disposición da veciñanza unhas horas fixas semanais de atención ao público, “cun rexistro onde todos os/as administrados/as teñan un trato igual e poidan obter da súa solicitude unha data e hora para ser atendidos”.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo pide responsabilidades pola actuación do concelleiro de Urbanismo a favor dun particular contra unha comunidade de veciños 

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo solicita recuperar o dereito de participación e debate da oposición