O PSOE de Arteixo pide ambición a Calvelo nunha aposta decidida para unificar o servizo de buses urbanos con A Coruña
Os socialistas tamén propoñen a agrupación dos servizos de alugueiro de bicicletas co municipio veciño
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no vindeiro pleno para instar ao goberno local a darlle contido ao convenio de colaboración con Concello da Coruña para a creación do Consorcio Metropolitano de Transporte Público.
Os socialistas arteixáns sinalan que “hai moito tempo que estamos a pedir a colaboración entre os concellos do entorno metropolitano de A Coruña para darlle máis e mellores servizos á veciñanza”. Explican que “son reiteradas as peticións de diálogo entre o nos concello e os municipios limítrofes para pechar os deslindes con A Coruña e Culleredo e avanzar no proceso de compartir servizos” para unha mellora dos custes e da calidade de vida dos que viven e traballan en Arteixo.
O portavoz socialista, Martín Seco, argumenta que “o protocolo e convenio de colaboración entre os concellos de Arteixo e A Coruña é unha boa nova” pero consideran que debe vir acompañado de decisións políticas que sexan “algo máis que unha mera declaración de intencións”.
Seco explica que “dentro deste marco son interesantes materias como a xestión conxunta do transporte público e outras fórmulas de mobilidade sostible entre as dúas localidades” que contribuirían a unha maior cohesión social entre as súas poboacións. “Tamén en materia de augas”, engade Seco, para unha maior calidade de auga e do abastecemento e saneamento das poboacións.
Por outra banda, consideran beneficiosa esta colaboración entre municipios en materia de seguridade, emerxencias e protección civil, para reducir posibles riscos e accidentes; así como na xestión dos residuos e na xestión dos fondos europeos ”que afecten a posibles actuacións conxuntas entre os dous territorios”.
O concelleiro socialista afirma que o servizo que podería ser unificado como punto de partida nesa colaboración entre ambos concellos e outros do entorno metropolitano de A Coruña “é o de transporte público, convertendo os servizos que ofrecen os dous concellos nun só”, mellorando as liñas existentes, as frecuencias de paso e os tempos de comunicación para a cidadanía que vive e traballa en ambos concellos e outros do entorno metropolitano máis próximo como Culleredo ou Oleiros.
Dende o grupo socialista se preguntan "por que é necesario baixarse do bus de Arteixo en Meicende para enlazar con outro da Coruña, cando podería facerse todo o percorrido no mesmo vehículo”. Na súa opinión sería máis económico para ambos concellos e probablemente crecería o número de usuarios, ao tempo que poderían existir outras liñas de conexión como na parroquía de Morás. “A resposta para o noso grupo é clara. Só se precisa vontade política para chegar a acordos” conclúe Seco.
Ademáis os socialistas arteixáns solicitan tamén a unificación dos servidos de alugueiro de bicicletas para que calquera cidadán de ambos municipios poida usar indistintamente as bicicletas ofertadas, tendo en conta que ambos concellos teñen unha continuidade urbanística.