O PSOE de Arteixo pide actuacións na Avenida Fisterra para garantir o paso de viandantes
Denuncian que o tramo urbano sen beirarrúa na saída cara a Laracha está invadido regularmente por vehículos e pon en risco a seguridade dos transeúntes.
O grupo municipal socialista de Arteixo pide ao goberno local que actúe para solucionar outro dos problemas de seguridade viaria do concello no núcleo urbano de Arteixo na saída cara A Laracha da Avenida de Fisterra.
Martín seco, portavoz do grupo municipal socialista, explica que existe un tramo sen beirarrúa e “sen as medidas necesarias que garantan a seguridade dos peóns que circulan por esta rúa, que en moitos casos son nenos e maiores”.
“No tramo sen beirrarúa hai uns postes de plástico nalgunhas zonas que non son suficientes para garantir o tránsito a pé de persoas ao estar invadido por vehículos, algúns deles de grandes dimensións” sinala Seco, quen indica que “a propia veciñanza ten realizado fotografías da situación deste tramo en diferentes días que dan proba do que estamos a denunciar e de que esta situación está a poñer en risco a seguridade das súas familias”.
Os socialistas solicitan que “coas probas na man” o grupo de goberno do PP actúe e poña todos os medios necesarios para asegurar a integridade da veciñanza que circula por este percorrido a diario.