O PSOE de Arteixo pide responsabilidades ao concelleiro delegado da recollida do lixo

Os socialistas sosteñen que o edil participou na recollida de residuos sen EPI’s, sen capacitación nin seguro e denuncian unha quenda de traballo que incumpre o descanso mínimo diario e semanal, excesos de carga dos camións, rutas que non cumpren as normas viarias e a persecución a un delegado sindical

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no vindeiro pleno para instar ao alcalde aa pedir responsabilidades ao concelleiro delegado de Servizos municipais polas irregularidades no servizo de recollida de residuos e a sentarse a negociar coa representación sindical do servizo para darlles solución.

Os socialistas denuncian a participación do concelleiro na recollida de lixo sen equipo de protección individual e sen capacitación nin seguro na recollida e no transporte dos vehículos do servizo.

O portavoz socialista, Martín Seco, argumenta que en decembro do 2024 “o noso grupo presentou un rogo para pedirlle ao grupo de goberno información sobre a situación laboral dos traballadores do servizo de recollida de residuos do noso concello ante a mobilización convocada pola sección sindical da CIG” que denunciaban que non se estaba a cumprir coa legalidade nos horarios asignados ao persoal, que a recollida se realizaba sen cumprir sempre as condicións de seguridade esixidas por lei e que existía unha persecución cara os seus delegados sindicais.

Os socialistas sinalan que a pesar de haber evidencia con probas documentais das diversas irregularidades, no pleno de decembro de 2024 o grupo de goberno do PP negaba todas esas acusións e afirmaban que era o capataz o que estaba a sufrir acoso por parte dos delegados sindicais, e que presentarían un informe elaborado polo capataz para documentalo nunha reunión da Xunta de Portavoces.

“Pero o informe non chegou nos meses de xaneiro e febreiro pese a ser ofrecido polo propio alcalde e solicitado en diversas reunións e plenos como nun rogo que presentamos a principios deste ano” afirma Martín Seco, polo que en marzo presentaron unha pregunta para poder ter resposta sobre as irregularidades denunciadas, que o concelleiro responsable do servizo non contestou.

“O que si obtivemos foi o famoso informe do capataz” recoñece Seco, “un documento onde se poden observar as irregularidades denunciadas polos representantes dos traballadores e como se actúa contra o delegado sindical da CIG por facer o seu labor, esixindo unhas condicións de traballo dignas”.

Con todo isto, os socialistas instan ao alcalde a pedirlle responsabilidades ao concelleiro delegado de residuos e atender as reclamacións dos traballadores para:

• Dimensionar o carro de persoal para darlle o mínimo descanso diario e semanal esixido por lei e a capacidade para poder realizar a recollida e limpeza dos contedores axeitadamente.

• Garantir que os camións circulen sempre coa carga máxima permitida e baixo as condicións de seguridade necesarias.

• Reconfigurar as rutas e colocación dos contedores para evitar o incumprimento das normas de tráfico.

• Garantir que a recollida en empresas privadas sexa cumprindo a normativa, cos pesos máximos a recoller por contedor, cos residuos embolsados e con materias que sexan acordes ao establecido na recollida.  

• Poñerlle fin á persecución da representación sindical do servizo con diálogo para chegar a acordos que redunden na mellora do servizo que recibe a cidadanía e garantan os seus dereitos laborais.    

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo pide ambición a Calvelo nunha aposta decidida para unificar o servizo de buses urbanos con A Coruña