O PSOE de Arteixo lamenta a incapacidade do alcalde Carlos Calvelo para dialogar co ministro de Transportes
Os socialistas afirman que o rexidor, despois das continuas faltas de respecto a Óscar Puente, presume dun acordo que non existe nunha “reunión improvisada” que en realidade foi un “asalto” ao ministro nun “corrillo”.
O grupo municipal socialista de Arteixo lamenta a incapacidade demostrada polo alcalde Carlos Calvelo para dialogar con ministro de Transportes, Óscar Puente, nunha cuestión tan importante como a necesidade de sacar o tráfico de mercadorías perigosas dos núcleos urbanos de Arteixo.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, sinala que “é vergoñento ver como o alcalde insulta a Óscar Puente nos plenos e despois utiliza un “corrillo” no acto do acceso ferroviario de Punta Langosteira para roubarlle ao ministro 3 minutos de conversa e “vender un compromiso que non ven recollido en ningún comunicado do Ministerio”.
O voceiro socialista refírese á nota de prensa remitida aos medios, na que o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, afirma ter conseguido que o ministro de Transportes, Óscar Puente, aceptase “estudar a posibilidade de retomar o proxecto de construción do enlace de Meicende”, que serviría para que os camións de mercancías perigosas procedentes das industrias petroquímicas deixen de atravesar os núcleos urbanos de Meicende e Pastoriza, co perigo que supón para esas poboacións.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, afirma que “o que o alcalde considera unha reunión improvisada” na que lle entregou un pequeno informe coa necesidade de construír esa ligazón á autovía do porto de Punta Langosteira, “foi en realidade un asalto ao ministro nun círculo improvisado de persoas” que estaban no evento do “cale” do principal túnel ferroviario de acceso ao Porto da Coruña, en Punta Langosteira, onde Óscar Puente destacou o bo ritmo ao que avanzan as obras da futura conexión ferroviaria, que impulsará a actividade da infraestructura.
“Arteixo non merece que se debatan os seus temas trascendentais de forma improvisada nun encontro roubado” afirma Seco, quen ademais engade que “de pouca influencia pode presumir o alcalde” ao tempo que argumenta que o ministerio tamén estudaría a petición do concello de Culleredo para a implantación da nova estación de mercadorías no polígono de Ledoño. “Por apuntar ata se apunta o tanto de que escoiten a petición doutro concello que non é o seu”, ironiza Seco.
Os socialistas de Arteixo felicitan ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboó por facerlle ver ao Ministerio a idoneidade de facer a terminal de mercadorías en Ledoño “e sacar esa espada de Damocles da veciñanza de Uxes”, que foi unha solicitude presentada polo grupo municipal socialista de Arteixo “e da que se reiu o PP de Arteixo”, pero que consideraban “a máis intelixente, porque as cousas se consiguen con diálogo e argumentos e non con berros e insultos”.