O PSOE de Arteixo reclama unha alternativa temporal segura para desvíar a circulación de vehículos pesados da estrada de Suevos e Rañobre.
A estrada de Rañobre incrementou considerablemente o tránsito de tráfico pesado por ser a única alternativa ao corte polas obras de desprazamento do eixo do vial CM-001.
O grupo municipal socialista de Arteixo solicitou ao goberno local estudar a posibilidade de levar a cabo unha alternativa temporal e segura para que deixen de circular vehículos pesados pola estrada de Suevos e Rañobre.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, explica que a estrada incrementou considerablemente o tránsito de tráfico pesado por ser a única alternativa ao corte polas obras de desprazamento do eixo do vial CM-001 con execución de pantalla de pilotes.
No pleno de setembro de 2024 aprobouse en pleno o proxecto de obra “DESPRAZAMENTO DO EIXO DO VIAL CM-001 CON EXECUCIÓN DE PANTALLA DE PILOTES” e o expediente expropiatorio polo procedemento de taxación conxunta para a obtención dos terreos afectados polas obras. Seco sinala que aveciñanza desa zona de Suevos e Rañobre “levan dende hai máis dun ano esperando actuacións con respecto a este vial, que se lles prometeu que se solucionaría con rapidez” pero sinala que os cambios de criterio con relación á obra están a provocar atascos e perigosidade pola circulación de vehículos pesados nos outros viais destes núcleos.
“Sabemos que a obra vaise dilatar no tempo” afirma o portavoz socialista polo que solicitaron con anterioridade habilitar algunha alternativa temporal para “dar saída aos vehículos sen ter que acudir ás outras estradas”.
Seco expón que “a veciñanza de Rañobre lanza un SOS” porque este corte ocasiona que os vehículos de mercancías que traballan na zona cambien de ruta e se incremente así o tráfico na zona, xa que se trata da única alternativa para moitos condutores que frecuentan este traxecto.
“Esta estrada ten tramos moi estreitos e resulta moi perigoso para o resto de coches e para as persoas que pasan por alí, porque nin sequera caben dous coches á vez” explica o concelleiro socialista, que engade que esta vía duns 4 quilómetros que une Suevos e Rañobre “conta cun cartel que indica que está prohibido o paso a vehículos de máis de 3.500 quilos, pero non hai unha alternativa real para que circulen eses vehículos de alta tonelaxe”.