O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a poñer en marcha unha rede de puntos de recarga que impulse a mobilidade eléctrica
O Grupo Municipal Socialista tamén demanda o prometido servizo de alugueiro de bicicletas mecánicas e eléctricas e un impulso á implantación do carril bici no concello así como fomentar a peonalización de novas rúas que faciliten a mobilidade das persoas e estimulen o comercio e a hostalaría local.
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de marzo para instar ao goberno local a poñer en marcha unha rede de puntos de recarga que impulsen a mobilidade eléctrica, xunto cuño prometido servizo de alugueiro de bicicletas mecánicas e eléctricas e un pulo á implantación dun carril bici no concello así como fomentar a peonalización de novas rúas que faciliten a mobilidade das persoas e fomenten o comercio e a hostalaría local, conxuntamente coa creación de máis prazas de aparcamento público nos núcleos urbanos.
A voceira socialista, Patricia Boedo sinala que o alcalde de Arteixo xunto co Presidente da Asociación Española do Automóbil Ecolóxico ven de promocionar o salón de mobilidade Sabón +ECO que se celebrará esta fin de semana e será unha exposición pública de vehículos ecolóxicos para que a cidadanía e o sector profesional poidan coñecer de primeira man as opcións de mobilidade limpa que existen no mercado actual.
Pero Boedo denuncia que a pesar desta promoción, en Arteixo non existe ningún punto de conexión eléctrica para estes vehículos.
“Tamén observamos como este pasado verán, o concello promocionaba o transporte, cun vehículo eléctrico sen condutor que puxo en proba polo paseo marítimo do noso concello” explica a voceira socialista, pero “non sabemos cales foron as conclusións que sacaron de ditas probas máis aló dos titulares e fotos nos medios de comunicación”. A concelleira recorda que hai dous anos que o goberno local xa anunciara a instalación de estacións de alugueiro de bicicletas mecánicas e eléctricas “que foron incapaces de executar e que a día de hoxe non é máis que un anuncio”. “Tampouco vimos que se avanzara na instalación de carrís bici para facilitar a mobilidade destes vehículos” continúa Patricia Boedo.
Por outra banda a edil socialista tamén sinala que o goberno local publicou que o comercio local se aliaba co plan de mobilidade do concello, pero “descoñecemos cales son as iniciativas dos últimos anos do goberno local para fomentar a peonalización dos nosos núcleos urbanos e a colocación de aparcamentos públicos que acompañen dita peonalización” porque na derradeira obra do entorno do parque do núcleo de Arteixo “non vimos nin un só novo metro de rúa peonalizada” e denuncia que tampouco se atendesen as peticións do comercio local dende o 2020 “para dar unha solución peonil que potencie o comercio e hostalaría local dos núcleos urbanos”
Ante esta situación, os socialistas reclaman chegar a acordos para poñer en marcha unha rede de puntos de recarga no concello que impulse a mobilidade eléctrica, e . implantar o servizo de alugueiro de bicicletas mecánicas e eléctricas así como a implantación do carril bici para facilitar a súa mobilidade.
Por outra banda solicitarán fomentar a peonalización de novas rúas que faciliten a mobilidade das persoas e fomenten o comercio e a hostalaría local, conxuntamente coa creación de máis prazas de aparcamento público nos núcleos urbanos.