O PSOE de Arteixo propón que o edificio do antigo hotel do balneario se denomine Centro Sociocultural Amancio Ortega
Os socialistas consideran que é o momento para agradecerlle ao presidente da Fundación Amancio Ortega o seu compromiso co desenvolvemento económico e social do concello e o altruísmo mostrado coa adquisición do balneario, a construción da residencia de maiores e a escola infantil.
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará un rogo no vindeiro pleno municipal para que o edificio do antigo hotel do balneario pase a chamarse CENTRO SOCIOCULTURAL AMANCIO ORTEGA.
Os socialistas consideran que trala apertura da planta baixa do edificio do balneario e o seu xardín esta semana é o momento para agradecerlle ao presidente da Fundación Amancio Ortega o seu compromiso co desenvolvemento económico e social do concello e o altruísmo mostrado coa adquisición do balneario e a construción da residencia de maiores e a escola infantil, e lembran que esas adquisicións posibilitaron a captación de Fondos Europeos do Plan de Recuperación do Goberno de España para as obras rehabilitación.
A voceira do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, sinala que no concello de Arteixo naceu o primeiro proxecto industrial de Amancio Ortega, coa instalación da primeira fábrica de GOA no ano 1977 e agora conta cunhas instalacións onde se sitúa a sede da multinacional INDITEX, fábricas e edificios de oficinas que dan emprego a máis de 5000 traballadores/as.
“No seu compromiso co desenvolvemento do noso concello figura a posta en marcha do proxecto tecnolóxico Ponte dos Brozos cunha inversión de preto de 9 millóns de euros” recorda Boedo, que posibilitou durante unha década, que os profesores e alumnos dos centros educativos preuniversitarios do concello participasen nun completo programa de formación internacional que facilitou a implantación de novos usos pedagóxicos ligados ás oportunidades que a tecnoloxía poñía á súa disposición.
Ese proxecto serviu para crear unha infraestrutura base de redes wi-fi e servidores, a instalación de postos informáticos nas aulas das etapas de infantil e primaria, a distribución dun portátil por alumno nas etapas de secundaria e bacharelato e a colocación de lousas electrónicas e canóns de proxección en todas as salas nas que se impartía clase.
“Cómpre resaltar que o proxecto Ponte do Brozos traspasou o ámbito puramente académico coa creación na localidade de Arteixo dun centro público de servizos relacionados coa tecnoloxía e a capacitación en competencias informáticas” engade a concelleira socialista.
Boedo tamén explica que “nos derradeiros tempos a fundación fixo unha inversión duns 12 millóns de euros” coa construción da primeira residencia de maiores do noso concello que comparte infraestrutura cunha nova escola infantil, ambas xestionadas pola Xunta de Galicia e a compra do edificio do balneario e capela “que posibilitou a captación de Fondos Europeos do Plan de Recuperación do Goberno de España para a súa rehabilitación para uso social.”
Trala apertura da planta baixa do edificio do balneario e o seu xardín, os socialistas consideran que “é un bo momento para agradecerlle ao presidente da Fundación Amancio Ortega o seu compromiso co desenvolvemento económico e social do noso concello e o altruísmo mostrado” coa adquisición do balneario e a construción da residencia de maiores e escola infantil.