Os socialistas de Arteixo esixen ao concello que tome medidas urxentes para garantir a seguridade viaria dos peóns na Avenida de Nostián 

O Grupo Municipal Socialista considera necesario proxectar a instalación de beirarrúas nesa avenida e contactar co goberno local da Coruña para retomar con premura a negociación dun deslinde necesario entre ambos concellos.

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de marzo para instar ao goberno local a tomar medidas urxentes para garantir a seguridade viaria dos peóns que transitan pola Avenida de Nostián e proxectar a instalación de beirarrúas ao tempo que solicitan que o executivo local contacte co goberno municipal da Coruña para retomar con premura a negociación dun deslinde necesario.

Os socialistas argumentan que a situación que está a vivir a veciñanza da Avenida de Nostián no núcleo de Meicende non é un tema descoñecido para o goberno local de Arteixo, xa que no ano 2011 un dos concelleiros do PSdeG-PSOE na corporación municipal e veciño de dita rúa poñía de manifesto os problemas de mobilidade e seguridade do vial.

 

Ademáis inciden nos problemas no abastecemento e saneamento de augas ou na xestión do lixo nun vial que non está claramente definido se pertence ao concello de Arteixo ou da Coruña, ao non ter negociado e pactado o deslinde entre ambos concellos.

A voceira socialista, Patricia Boedo, explica que “a realidade é que algunhas vivendas situadas no mesmo edificio de dita rúa pagan impostos nun dos concellos e outras noutro” e lembra o incendio de hai máis dunha década nas naves industriais desa rúa “que evidenciou que esta situación podía converterse nun problema moi grave de non buscar unha solución”.

“Na campaña do ano 2011 este era un tema prioritario para o PP de Arteixo pero coa chegada ao goberno do actual alcalde pasou a ser un tema secundario sen novidades pese as insistentes preguntas do noso grupo nos plenos ordinarios” sinala Boedo.

A voceira do PSdeG-PSOE suliña que a veciñanza da Avenida de Nostián se puxo en contacto co grupo socialista preocupados pola seguridade viaria daqueles que circulan por dita rúa, “que teñen que ver como pasan os vehículos a velocidades inapropiadas para o estado do vial sen que o concello de Arteixo tome medidas”.

Nesa reunión os veciños entregaron un escrito ao grupo municipal socialista  acompañado de sinaturas dos afectados e fotos que datan de maio do 2019 no que denuncian a situación de desamparo que sofren ante esta situación de inseguridade. A veciñanza da zona piden ao goberno local que se tomen medidas “para evitar desgracias” coa instalación de sinalización dos límites de velocidade, de badenes redutores da velocidade e tamén o estudo da instalación de beirarrúas para a mobilidade dos usuarios desta avenida.

“No seu dia este goberno local levou a cabo obras no sistema de augas desta rúa e catro anos despois do rexistro da solicitude da veciñanza, é tempo para que o concello de Arteixo tome iniciativa e aporte solucións antes de que teñamos que lamentar unha desgracia” denuncia Patricia Boedo, e considera que son argumentos suficientes para presentar unha moción para instar ao goberno do concello de Arteixo a tomar medidas urxentes para garantir a seguridade viaria dos peóns que circulan pola Avenida de Nostián e proxectar a instalación de beirarrúas así como a  contactar co goberno local do concello de A Coruña para retomar con premura a negociación dun deslinde necesario entre ambos concellos.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a poñer en marcha unha rede de puntos de recarga que impulse a mobilidade eléctrica 

Siguiente
Siguiente

Boletín de noticias #SocialistasArteixo Nº 10