O PSOE de Arteixo denuncia o estado de abandono do parque de Monticaño
Os socialistas instan ao alcalde a cumprir todas as promesas feitas desde 2011 para convertilo no gran pulmón da zona norte do concello.
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará no vindeiro pleno unha moción para instar ao goberno local a recuperar o parque de Monticaño ante o estado de abandono no que se encontra e para que cumpra coas súas promesas feitas en 2011 de convertilo no gran pulmón da zona norte do concello.
Os socialistas recordan que coa chegada do alcalde Carlos Calvelo ao goberno en 2011 se sucederon numerosos anuncios e promesas para a recuperación do parque como a construción do centro de interpretación do Castro de Cociñadoiro, que contaría con aparcamento e un novo restaurante para atraer aos visitantes.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, explica que o concello de Arteixo dispón do parque forestal, cunha extension de 70.000 m2, desde hai 26 anos por unha cesión por 50 anos do Ministerio de Defensa para ser destinado a usos comunitarios, como parte do plan para defender o golfo Ártabro entre Ferrol e Caión.
“Desde 2011 foron moitas as promesas do alcalde Calvelo para a recuperación do parque e moitas as actuacións que se anunciaron” sinala Martín Seco, “pero a realidade é que a día de hoxe, pouco se fixo no parque”. O concelleiro socialista denuncia que as súas instalacións se foron deteriorando ata “o actual estado de abandono" no que se encontra, exceptuando as instalacións da nova escola ecolóxica de SUMARTE e as actividades de mantemento que realizan os traballadores de APEM na súa contorna.
En 2014, o alcalde Carlos Calvelo anunciara a rexeneración do vertedoiro situado no parque, coa creación dun espazo de 182.000 m2 unindo as parroquias de Suevos, Pastoriza e Oseiro que incluiría un parque de enormes dimensións cun circuíto para percorrerlo e con distintas zonas e miradoiros: un na parte sur en Pastoriza, otro en dirección cara Coruña, un tercero con vistas a Monticaño e outro cara Langosteira.
Nese plan tamén se incluia unha praza de grandes dimensións para celebracións populares e incluso un anfiteatro, ademais tería dous aparcamentos, na zona de Pastoriza e na zona de Suevos e unha área acuática con dúas balsas. Este proxecto sumaba un gasto de 900.000 euros.
Ademais o vocero socialista libra que o actual alcalde tamén prometeu a creación dun Centro de Interpretación cos restos do castro do Cabo Cociñadoiro que apareceron coa construción do porto exterior, así como o arranxo do restaurante, que ía a constar dun planta superior para darlle mellores vistas e rendibilizar a súa concesión.
En 2015, Carlos Calvelo anunciaba un Novo plan especial para cambiar o uso do solo do parque e unha negociación co Ministerio de Defensa para conseguir a titularidade dos terreos, “incluso se contratou unha empresa para redactar os documentos necesarios para efectuar o cambio urbanístico” según afirma Martín Seco.
“Pero a realidade é que a día de hoxe as instalacións do parque están en peor situación que no ano 2011 e o abandono do mobiliario é total” manifesta Seco. “Xa se perdeu boa parte do material de Defensa que tiña nas súas instalacións, o restaurante está pechado, o centro de interpretación sen construír, non hai espazos para aparcar, sin fontes e papeleiras á disposición dos usuarios, etc… Como sempre, as promesas de Calvelo son puro fume e van co vento”
“O parque ten todas a posibilidades para ser un gran pulmón para a parte norte do concello e converterse nun espazo de referencia para aqueles que desexen disfrutar da natureza, pasear coa familia ou as súas mascotas, ocupar o seu tempo de ocio e achegar o turismo dende outros puntos do territorio” remata Seco, “pero hai que ter a vontade de facelo”.