O PSdeG-PSOE pedirá explicacións ao goberno local pola situación de desleixo do paseo fluvial do Río Bolaños en Arteixo
Os socialistas denunciarán de novo o estado de deterioro do paseo e preguntaran ao grupo de goberno se teñen planificada algunha actuación de limpeza desta zona
O grupo municipal socialista preguntará no pleno do mes de setembro pola situación de desleixo do paseo fluvial do Río Bolaños ao seu paso por debaixo da Avenida de Fisterra.
Os socialistas veñen de recoller as denuncias da veciñanza sobre o estado no que se atopa o paseo fluvial, cunha sucidade acumulada “que non se sabe de onde procede e que fai que en épocas secas desprenda un cheiro moi desagradable” relata a voceira socialista, Patricia Boedo.
O paseo fluvial do río Bolaños ao seu paso polo núcleo de Arteixo é un dos lugares máis transitados pola veciñanza do concello para pasear, ademais de servir como vía para fomentar a mobilidade deste núcleo, pero según Boedo “son xa moitas as ocasións que o noso grupo ten denunciado o estado de sucidade e falla de conservación do mobiliario urbán do paseo, que carece de fontes onde refrescarse e de lugares onde os nosos maiores e nenos poidan parar para poder realizar as súas necesidades fisiolóxicas”.
Os socialistas preguntarán polo tanto ao goberno local se son coñecedores da situación na que está o paseo fluvial ao seu paso pola Avenida de Fisterra e de onde procede a sucidade acumulada, e se teñen planificada algunha actuación de limpeza para poñerlle fin aos múltiples vertidos que recibe o leito do río.