O PSdeG-PSOE de Arteixo instará ao goberno local a dar explicacións sobre a orde de derriba dunha gasolineira local

Os socialistas demandan saber se o goberno municipal solicitou un informe de urbanismo pola licenza “irregular” concedida á gasolineira de Petroprix, se o concello ten presentado o recurso anunciado contra a sentenza da derriba e cales son os custes que terá que asumir o concello polo erro na concesión da licenza.

O grupo municipal socialista pedirá explicacións no pleno do mes de outubro pola sentenza da orde de derriba da gasolineira de Petroprix Enerxía situada na parcela de Gundín, na avenida de Fisterra de Arteixo.

A xustiza ven de estimar un recurso interposto pola Asociación Provincial de Estacións de Servizo da Coruña contra a resolución da Consellería de Medio Ambiente que daba luz verde á declaración de incidencia ambiental da actividade e a apertura da gasolineira de Petroprix e ordena a “demolición do edificado” ao ser “instalado ilegalmente” e considerar  que o proxecto que autorizou a Xunta non pode estar firmado por un enxeneiro técnico industrial.

A sentenza dicta que a demolición debe executarse no prazo de dous meses e que no caso de non levarse a cabo realizarase á súa costa, condenando á administración autonómica e ás codemandadas, Concello de Arteixo e Petroprix Enerxía.

A voceira de grupo municipal socialista, Patricia Boedo, explica que o grupo de goberno do PP ten manifestado nos medios que recorrerá a sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que presentará un incidente xudicial para que se redacte un proxecto asinado por un enxeñeiro superior, pero os socialistas demandan saber se o goberno municipal solicitou un informe de urbanismo pola licenza “irregular” concedida á gasolineira de Petroprix.

Boedo reclama tamén por outra banda que a veciñanza precisa coñecer “se o concello ten presentado o recurso anunciado” contra a sentenza da derriba e sobre todo “cales son os custes que terá que asumir o concello polo erro na concesión da licenza”.

 

Anterior
Anterior

Levamos a pleno | Outubro 2022

Siguiente
Siguiente

Os socialistas de Arteixo denuncian o estado de abandono do lavadoiro e a fonte no camiño de Oseiro a Rañobre.