Arteixo continúa sen Oficina Municipal de Información ao Consumidor
Os socialistas denuncian a falta do servizo pola desidia do goberno local nun momento no que a veciñanza precisa de asesoramento fronte aos numerosos fraudes e estafas
O grupo municipal socialista de Arteixo ven de solicitar novamente a reactivación da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) que leva tempo pechada.
O portavoz socialista, Martín Seco, explica que no mes de maio de 2024, o grupo socialista presentou xa unha moción para pedir a reactivación da OMIC ante a situación precaria na que se encontraba o servizo polos continuos cambios de localización e a desidia do goberno local, pero que dende entón a situación empeorou debido á baixa laboral da persoa asignada ao servizo “que o goberno local segue sen cubrir”.
“O goberno local xustifica a situación pola baixa laboral da persoa que estaba asignada a esta función, pero despois de tanto tempo iso non é escusa para prescindir dun servizo esencial para a nosa ciudadanía” argumenta Seco, e insiste que a OMIC “cumpre unha función esencial nun momento no que os fraudes e estafas invaden os noso fogares e existen importantes dificultades para a xestión dos servizos que utiliza a veciñanza, sobre todo aquela con menor formación dixital”.
Os socialistas piden ao grupo de goberno a reactivación urxente da OMIC (Oficina Municipal de Información ao Consumidor) con persoal formado pero tamén nun lugar axeitado para desenvolver as súas actividades coa privacidade imprescindible para os usuarios e usuarias que non se estaba respectando.