O PSOE denuncia a pasividade do goberno municipal de Arteixo ante o servicio deficitario do transporte público de Galicia  

Os socialistas solicitan que se reclame ao goberno da Xunta unha solución ao mal funcionamento do transporte público nas liñas que transcorren polo municipio.  

O grupo municipal socialista de Arteixo reitera a petición presentada no pleno de agosto de 2024 coas queixas da veciñanza ante a pasividade do goberno local polo mal funcionamento das liñas de autobús interurbano que transcorren polo concello. 

Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista, expón que na moción solicitaban ao goberno municipal que lle esixise ao goberno galego o cumprimento do contrato de xestión do Plan de Transporte Público de Galicia nas liñas que transcorren polo concello.   “Os socialistas considerabamos necesario, xa daquela, que se efectuara un labor de inspección e control do servizo á empresa concesionaria para que se cumpriran os horarios establecidos e que se garantiran as prazas necesarias”, sinala Seco, “procedendo a apertura de expedientes de infracción e penalizacións se fose necesario”. 

A moción socialista foi votada en contra polo Partido Popular co argumento de que “a Xunta de Galicia estaba a solucionar eses problemas”, polo que o propio alcalde Calvelo afirmou que “non atopaba necesario facer esa reclamación”. 

O portavoz socialista denuncia que as queixas da veciñanza “seguen a ser as mesmas”: incumprimento reiterado dos horarios que producen tempos de espera de máis dunha hora para as persoas usuarias; non se respectan os horarios establecidos na web porque “en ocasións o bus pasa 15 minutos antes da hora, ou teñen que esperar máis de 50 minutos para collelo”.  

Os socialistas arteixáns tamén consideran que “a planificación é deficiente” porque en moitas ocasións “os buses que circulan polo concello dende A Coruña e continúan a Carballo van completos e pasan sen deterse e recoller máis pasaxe en paradas como a de Marineda”. 

“Somos conscientes do crecemento da demanda de transporte público” afirma Seco, pero “non chega con preocuparse por mellorar o que oferta o propio concello”, porque “a administración autonómica debe garantir o funcionamento correcto deste servizo esencial para a veciñanza”. O PSOE de Arteixo reclama que a empresa concesionaria cumpra os horarios establecidos e que se implemente “un bo sistema de inspección e control” sobre esa concesionaria con imposición de penalizacións se existisen incumprimentos dos contratos.

 “No goberno municipal son coñecedores da mala xestión que sofren os usuarios do servizo de Transporte Público de Galicia nas liñas que transcorren polo noso concello e agora din que xa se solucionaron os problemas e descartan denunciar ante o goberno galego esa mala xestión” conclúe Seco. “O alcalde demostra unha vez máis que mira cara outro lado cada vez que a institución a quen hai que reclamar está gobernada polo seu partido” 

Anterior
Anterior

O PSOE denuncia a inexistencia de vivendas propiedade do concello para dar solucións habitacionais en caso de necesidade

Siguiente
Siguiente

 Arteixo continúa sen Oficina Municipal de Información ao Consumidor