O PSdeG-PSOE propón a implantación dun IBI social en Arteixo para os fogares con menos ingresos
A lexislación non permite establecer beneficios fiscais en relación á renda dos contribuíntes, pero varios concellos estableceron xa liñas de axudas para o pagamento dos impostos municipais.
As crise derivada da pandemia está golpeando con especial dureza aos pequenos negocios e os fogares con menos ingresos. Nun contexto coma este, moitos pequenos propietarios van atravesar serias dificultades para afrontar o pagamento anual dos tributos municipais. O Imposto de Bens Inmobles (IBI) Urbano supón a principal fonte de ingresos para o Concello de Arteixo, con 6.900.000 euros previstos no orzamento de 2021, pero a lexislación non permite establecer beneficios fiscais en relación á renda dos contribuíntes. Aínda así, a administración municipal ten na súa man a posibilidade de crear unha liña de axudas para facilitar o pagamento dos impostos ás familias que están a atravesar dificultades económicas.
O voceiro do grupo municipal socialista, Simón López, indica que “o IBI social xa está en funcionamento en varios concellos de España e Arteixo estaría perfectamente en disposición de adoptar unha medida coma esta”. O PSdeG-PSOE presentará, no próximo pleno, unha moción para que as persoas con menos ingresos e sen máis propiedades que a súa vivenda poidan ver reducido o impacto deste imposto nos seus petos. De acordo coa proposta que se vai debater no pleno, para acceder á bonificación, que tomaría como referencia o IPREM, deberían terse en conta circunstancias as familias monoparentais, menores de 30 anos, persoas en situación de desemprego ou vítimas da violencia de xénero.
López considera que “a redución de tributos municipais supón un alivio importante para a economía de moitas familias e por iso o PSdeG-PSOE ofreceu o seu apoio a todas as iniciativas que se levaron ao pleno, nos últimos meses, para rebaixar as obrigas fiscais da veciñanza”. O concelleiro lembra que os socialistas xa demandaran a supresión temporal dalgúns impostos, así como o establecemento dunha serie de medidas de reactivación económica e cultural recollidas no Plan ReactivART-e.