A decisión de reactivar o PXOM chega despois dunha década de parálise, promesas incumpridas e condenas xudiciais

O goberno do PP anuncia a rescisión do contrato para a redacción dun novo documento urbanístico despois de que o PSdeG-PSOE reforzara a presión nos plenos do Concello de Arteixo.

Vista de Arteixo.jpg

Carlos Calvelo chegou á alcaldía de Arteixo, hai agora dez anos, coa promesa de sacar adiante un novo Plan Xeral xa no seu primeiro mandato. O anterior goberno municipal, liderado polo PSOE, encargara a redacción dun documento chamado a poñer orde no urbanismo de Arteixo, pero o PP foi incapaz de darlle continuidade aos traballos iniciados en 2008. Os trámites fóronse demorando sen xustificación e o Concello viuse na obriga de afrontar o pagamento de reiteradas indemnizacións a particulares e recursos nos tribunais a causa das sucesivas sentenzas desfavorables derivadas da ausencia de planificación urbanística.

O Grupo Municipal Socialista reforzou, nos últimos meses, a presión sobre o goberno de Calvelo para reactivar a redacción do PXOM. O portavoz do PSdeG-PSOE no concello, Simón López, empezou a preguntar en cada pleno pola evolución dos traballos e o concelleiro de Urbanismo respondeu sistematicamente con evasivas, chegando a afirmar, literalmente, que tiñan “máis que facer”. López considera que “as nosas preguntas mensuais tiveron efecto e parece que por fin se deciden a facer algo despois dunha década de parálise absoluta”. O anuncio de que se vai rescindir o contrato da empresa adxudicataria, na súa opinión, “chega con varios anos de retraso”, e lembra que “os custos derivados da desidia do PP foron asumidos con diñeiro público de toda a veciñanza”.

Nos últimos anos, o urbanismo de Arteixo caracterizouse, en palabras de Simón López, “polo crecemento desordenado e unha falta de seguridade xurídica que supuxo un verdadeiro lastre para a economía local”. O portavoz socialista agarda que o goberno axilice os trámites para a redacción dun novo Plan Xeral e reclama total transparencia no proceso. “Os intereses dos especuladores guiaron a política urbanística de Carlos Calvelo e o noso concello non se pode permitir outra década de improvisación e malgasto”, advirte.

Anterior
Anterior

Os Socialistas de Arteixo reclaman unha negociación coa Xunta para retirar a peaxe de Pastoriza

Siguiente
Siguiente

O PSdeG-PSOE propón a implantación dun IBI social en Arteixo para os fogares con menos ingresos