Os Socialistas de Arteixo reclaman unha negociación coa Xunta para retirar a peaxe de Pastoriza

O portavoz municipal do PSOE, Simón López, cre que a vía xudicial xa está esgotada e considera que “Calvelo acude á Unión Europea para desviar a atención e non lle esixir responsabilidades aos políticos do seu propio partido”.

O Partido Popular insiste na vía xudicial para suprimir a peaxe de Pastoriza e volve meter ao Concello de Arteixo nuns gastos que, atendendo ás sentenzas previas, non van levar a ningunha solución satisfactoria. A Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo, dous dos máximos órganos xudiciais do país, rexeitaron as demandas de Carlos Calvelo e agora o alcalde pretende que a Unión Europea emende a decisión da Xustiza española. O PSdeG-PSOE ofreceulle o seu apoio ao goberno municipal, nas anteriores reclamacións, ao entender que se trataba dunha cuestión de interese xeral que debía estar por riba do debate partidista, pero non lle ve sentido a seguir avanzando por unha vía que xa está esgotada.

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Simón López, entende que “é o momento de retomar con forza a vía da negociación política” e cre que Calvelo debe emprender unha rolda de contactos coa Xunta de Galicia, do seu mesmo partido, para que sexa ela quen libere a peaxe entre Arteixo e a Coruña. “Se opta por tomar ese camiño ten e terá o apoio das concelleiras e concelleiros do PSdeG-PSOE, pero non podemos seguir malgastando o diñeiro de toda a veciñanza en avogados e preitos en Europa sen garantía algunha de éxito, máis aínda despois das dúas resolucións contrarias que temos sobre a mesa”, indica López.

A AG-55 é unha vía de titularidade autonómica e o portavoz socialista lembra que “foi Fraga quen puxo a peaxe, hai máis de vinte anos, a pesar da enorme oposición veciñal”. Por este motivo, defende que “agora debe ser o PP de Feijóo quen a retire para permitir o desenvolvemento do eixo metropolitano A Coruña-Arteixo” e insta ao presidente da Xunta a “abrir a súa carteira e eliminar as cabinas de Pastoriza”. No seo do Grupo Municipal Socialista existe a sensación de que o alcalde “pretende desviar a atención presentando reclamacións ante todas as administracións de ámbito superior en vez de esixirlle responsabilidades aos políticos do seu propio partido”.

Anterior
Anterior

O PSOE solicita novos horarios na liña 3 dos Buses de Arteixo que dá servizo a Loureda

Siguiente
Siguiente

A decisión de reactivar o PXOM chega despois dunha década de parálise, promesas incumpridas e condenas xudiciais