A Deputación cofinancia con 318.902€ as obras para renovar a rede de saneamento nas parroquias de Loureda e Arteixo

Substituirase o colector xeral do río Arteixo no tramo que vai desde Ponte do Ba ata a travesía de Arteixo

As obras permitirán renovar unha rede anticuada que dá servizo a preto de 2.000 persoas e que contaba con importantes filtracións de auga

A Deputación financia o 70% do custo total das obras a través do Plan Único, que xa permitiu executar 294 obras de ciclo da auga na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo cofinancian as obras de mellora da rede de saneamento nas parroquias de Loureda e Arteixo. O proxecto permitirá reparar o colector xeral do río Arteixo, no tramo que vai desde Ponte do Ba ata a travesía de Arteixo. O novo colector permitirá ofrecer un mellor servizo ás preto de 2.000 persoas que residen na contorna.

O Plan Único da institución provincial achega 318.902 euros para levar a cabo os traballos, o que supón o 70% do custo total do proxecto, cun orzamento total de 453.207. A contía restante é achegada polo Concello de Arteixo nunhas obras que veñen de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado.

Na actualidade, a parroquia de Loureda conta cun colector xeral que recolle as augas residuais nos diferentes núcleos desta e conduce ata o bombeo do Rañal. Este, que discorre de forma paralela ao río de Arteixo, presenta un estado deficiente debido aos máis de 50 anos de antigüidade da rede e á mala execución de determinados puntos, como son as unións dos diferentes tramos, a pendente e os encontros cos pozos.

Esta situación provoca importantes filtracións de auga, especialmente en época de choivas, o que afecta ao normal funcionamento do bombeo do Rañal, que ten que traballar cun caudal moi superior ao esperado.

Substitución do colector no tramo afectado

Para dar solución á problemática substituirase o colector no tramo afectado, desde a DP-0508 en Ponte do Ba ata a travesía de Arteixo, por un novo en gravidade de 867 metros de lonxitude executado en tubaxe PVC corrugado. Este instalarase cun trazado variante baixo o carril bici do paseo fluvial da Baiuca, alonxándose o máximo posible do río para poder manter en servizo a rede actual. Dentro das actuacións inclúese as conexións á rede existente e a reposición das zonas do carril bici e das beirarrúas que se vexan afectadas pola instalación.

As obras contan cun prazo de execución de cinco meses, e ao longo deste período produciranse cortes na circulación de coches pola zona que dá acceso ao garaxe do edificio situado na esquina da intersección entre a travesía e o carril bici. Procederase a notificación destas aos veciños e veciñas que poidan verse afectados coa antelación necesaria.

Desde a súa creación en 2017 o Plan Único leva financiado 294 obras de ciclo da auga (saneamento e abastecemento) na provincia cun investimento total de máis de 36 millóns de euros.

Anterior
Anterior

Solicitamos o arranxo dunha rúa no entorno de As Carballas, en Arteixo

Siguiente
Siguiente

A supresión da peaxe de Pastoriza debe ser obxecto dunha negociación política e non de querelas xudiciais