A supresión da peaxe de Pastoriza debe ser obxecto dunha negociación política e non de querelas xudiciais

Calvelo ten a obriga de buscar un acordo cos políticos do seu propio partido. Foi o PP de Manuel Fraga quen puxo unha peaxe entre Arteixo e A Coruña e agora o PP de Feijóo debe retirala.

Peaxes Arteixo.jpg

O Tribunal Supremo non lle deu a razón ao goberno de Calvelo. Non admitiu o seu recurso contra o Ministerio de Transporte e condenou ao Concello a asumir os custes do proceso, un gasto que correrá a cargo de toda a cidadanía de Arteixo. O peor é que a insistencia do Partido Popular en xudicializar unha cuestión política non remata aquí, porque xa anunciaron a través da prensa que teñen intención de emprender novas accións para anular unha decisión contra a que non cabe recurso. Accións que van supoñer unha nova carga para as arcas municipais e que, moito nos tememos, non van chegar a ningures.

Dende o PSdeG-PSOE queremos pedirlle a Calvelo e ao PP que abandonen esta absurda batalla xudicial. A eliminación da peaxe da AG-55 en Pastoriza ten que ser obxecto dun debate entre as administracións, non de querelas nos tribunais. O que debe facer o alcalde é negociar directamente coa Xunta de Galicia, onde goberna o seu propio partido, e deixarse de fuxidas cara adiante como a súa anunciada denuncia ante a Comisión Europea. Non ten ningún sentido seguir gastando diñeiro público en avogados externos á asesoría xurídica propia do Concello. Ata cando pensan seguir con isto?

Non debemos esquecer que foi o PP de Manuel Fraga, en contra do que estaba inicialmente previsto e provocando a indignación de toda a veciñanza, quen puxo unha peaxe entre Arteixo e a Coruña hai máis de trinta anos. Agora ten que ser o PP de Feijóo quen a quite, porque estamos a falar dunha vía de titularidade autonómica. A xudicialización desta cuestión é un novo exemplo da nefasta xestión do goberno de Calvelo que volve pagar a cidadanía arteixá.

Anterior
Anterior

A Deputación cofinancia con 318.902€ as obras para renovar a rede de saneamento nas parroquias de Loureda e Arteixo

Siguiente
Siguiente

Solicitamos o arranxo da estrada do Val de Loureda