Solicitamos que o Concello promova vivenda pública

Levamos ao pleno de novembro unha moción na que solicitamos que o Concello de Arteixo promova vivenda pública. “Desde o Partido Socialista de Arteixo cremos que se deben desenvolver activamente políticas que supoñan a posta a disposición de vivendas, en condicións asumibles, para aqueles colectivos con máis dificultades”. Propoñemos que esta promoción destinada ao alugueiro a prezos asumibles teñan como destinatarios principais a persoas mozas e maiores de 65 anos.

Dentro desta promoción pública, deberíase incluír algunha vivenda de emerxencia social de titularidade municipal. Deste xeito, Servizos Sociais contarían cunha “ferramenta máis de acción para as problemáticas que se atopen durante o seu traballo”.

Por outra banda, esiximos ao Goberno local que se leven a cabo as accións pertinentes para mellorar a seguridade viaria da DP-0505, ao seu paso por Chamín e Monteagudo. A estrada está “deformada no penúltimo tramo polas raíces das árbores. Na zona de Santaia hai unhas biondas a ambos lados da estrada, sen ancho suficiente para dos vehículos e en zonas puntuais tamén hai problemas de ancho pola localización de contenedores ou sinais”, relata Simón López, voceiro socialista.

Preguntas

Na quenda de preguntas, pediremos que se informe sobre se o Goberno local ten planificado orzamento ou algún proxecto de mellora, rehabilitación ou limpeza en Aldea de Oseiro, ou se teñen pensado derrubar unha vivenda –cedida ao Concello- para mellorar o tránsito rodado na zona.

1.jpg

Na urbanización Sol e Mar, preguntaremos se o Goberno local ten intención de substituír a balaustrada na rúa Franciscos de Quevedo para evitar caídas.

Outra das cuestións que levamos ao pleno é o estado dos lavadoiros. Queremos saber se o Goberno local ten un inventario dos mesmos, ademais de se os concelleiros do PP saben en que estado se atopan. Se teñen intención de restauralos de acordo coa paisaxe rural ou se van facer mantemento e limpeza dos seus fondos, xa que en moitos se acumulan lodos e herbas.

Por último, preguntaremos en que punto se atopa a relación e a valoración de postos de traballo do Concello de Arteixo e cando ten pensado presentar aos grupos da oposición a proposta negociada e levala a pleno para aprobala.

Anterior
Anterior

O PP rexeita no pleno promover vivenda pública en Arteixo

Siguiente
Siguiente

Propoñemos que se inclúa a ampliación de Monticaño nos orzamentos de 2021