O Grupo de Goberno do PP vota en contra de dúas mocións do Grupo Socialista, que piden o aumento de prezo que paga a Xunta de Galicia no Servizo de Axuda a Domicilio e de melloras no servizo de pediatría dos nosos centros de saúde


O Voceiro Socialista no Concello de Arteixo, Martín Seco, afirma que , o goberno de PP de Arteixo, actúa unha vez máis de costas aos usuarios do SAD e as súas traballadoras e aos usuarios do servizo de pediatría dos nosos Centros de Saúde, preocupados exclusivamente de defender a mala xestión de Feijóo ao fronte da Xunta de Galicia ante as vindeiras eleccións autonómicas”

O Grupo Socialista presentou dúas mocións no día de onte, resultando rexeitadas ambas, pola apisoadora maioría absoluta do PP, aínda que as mocións só trataban de solicitar a mellora na xestión que reciben os nosos veciños, usuarios da Axuda no Fogar e Pediatría.

A primeira ten que ver cos prezos que paga a Xunta de Galicia aos concellos, asumindo estes unha competencia que debería desenvolver a comunidade autónoma, a Xunta paga 9 euros/hora aos concellos, cando as licitacións soen estar entre 16 e 25 euros, cando ademais a propia Deputación de A Coruña, está a pagar 12 euros/h. Dende o PP semellan estar contentos con que a Xunta de Galicia deixe que os nosos cidadáns teñan que aportar máis cartos dos que debera. Ademais o Grupo Socialista aproveitou para pedirlle ao Goberno Local que actúe na nova licitación que está a preparar para este servizo, facendo realidade algunha das propostas que as representantes das traballadoras fixeron vía rexistro, xa que están a sufrir unha precarización das súas condicións laborais, mentres que a Concelleira de Servizos Sociais semella non decatarse e non ter intención de supervisar e inspeccionar as condicións nas que as traballadoras exercen un servizo vital para os nosos cidadáns.

Na segunda moción, dende o Grupo Socialista pedíamos melloras para o maltratado servizo de pediatría público do SERGAS, pero aínda que no Grupo Popular son conscientes das deficiencias que estamos a sufrir os galegos e os arteixáns en particular cos recortes en Sanidade dependente da Xunta de Galicia, votaron en contra da moción, poñendo en valor a excelente calidade do servizo sanitario que estamos a disfrutar os galegos, antepoñendo os intereses electorais dun PP, que sabe que a cidadanía xa non traga as campañas de marketing, cando teñen que sufrir no día a día os recortes e destrozo que está realizar Feijóo na nosa sanidade pública.

MOCIÓNS REXEITADAS POLO PP DE ARTEIXO:



MOCIÓN SAD

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os concellos somos a administración máis próxima á cidadanía, estando en contacto directo coa veciñanza, pero estamos a asumir, cada vez máis,   competencias impropias, que deberían asumir outras administracións. Competencias que non veñen acompañadas do suficiente e/ou correspondente financiamento co que facerlles fronte.

A Axuda no Fogar é unha desas competencias impropias, xa que corresponde ás administracións autonómica e estatal pero que, cada vez de xeito máis preocupante, está a supoñer unha carga financieira, ás veces xa inasumible, para os orzamentos locais.

A Xunta de Galicia aporta dende o ano 2008 9.70 €/hora (como máximo) sen levar a cabo  ningunha actualización, quedando estancado o prezo/hora. Outras administracións, como a Deputación de A Coruña, aportan, dende o ano 2018, 12 €/hora: un prezo máis acorde co custe total do servizo.

O que está a suceder neste momento é que os concellos vense na obriga de actualizar as licitacións para a prestación deste servizo. Estas novas licitacións, ás que agora temos que facer fronte dende os concellos, contemplan actualizacións de prezos que van dende os 16€/hora ata os case 23€/hora, xa que, como é normal, nos últimos anos, os salarios incrementáronse e os convenios colectivos modificáronse.

Dito incremento de prezo/hora redunda, en grande medida en:

-          Unha xusta mellora nas precarias condicións contractuais que a día de hoxe sofren as traballadoras (na súa inmensa maioría) e os traballadores deste servizo.
-          Unha mellora das prestacións ás persoas usuarias (fundamentalmente persoas maiores e dependentes).

Polo anteriormente exposto, a Corporación Local de Arteixo insta:

 1.- Á Xunta de Galicia e o Goberno do Estado a asumir o custo dunha competencia que lle é propia, ou cando menos, dotar aos concellos das cantidades orzamentarias suficientes para facerlles fronte, chegando como mínimo á aportación que fai a Deputación de A Coruña.                                                                                                                        
2.- Á Xunta de Galicia a negociar e aprobar cos concellos, a través da FEGAMP,  nos primeiros catro meses do ano 2020, un sistema de financiamento xusto e acorde coas condicións laborais do ano 2020 que permita aos concellos manter e mellorar o servizo de atención á dependencia e axuda no fogar.




MOCIÓN PEDIATRÍA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Durante o pasado verán de 2018, a Xunta de Galicia asumiu, de forma clara, a decisión de concentrar os servizos de pediatría en atención primaria en torno ás  poboacións máis poboadas de Galicia.

Esta decisión ten que ver coa necesidade, cada vez máis recurrente, de resolver o problema derivado das vacacións e baixas dos e das profesionais que prestan servizo no Sergas, e a ausencia de número suficiente de profesionais de pediatría para cubrir estas ausencias, esta ausencia de pediatra cóbrese con médicos de medicina familiar.

Esta problemática é un exemplo máis da:

-       Manifesta falta de compromiso do goberno galego cara a cidadanía do noso territorio na defensa dunha sanidade pública de calidade.
-       Posta en práctica dunha clara intención de concentración da poboación nas cidades.
-       Irresponsabilidade como goberno de afrontar, de xeito serio e real, o grave problema demográfico que  estamos a vivir no conxunto de Galicia. 

O peor desta situación é que a Xunta de Galicia non é quen de garantir que a agrupación de profesionais ou a agrupación de varios concellos nun único Centro de Atención Pediátrica sexa unha decisión temporal, senón máis ben o contrario, o que acentúa a preocupación de pais e nais que cada vez dubidan máis da continuidade do servizo de pediatría en primaria nos seus centros de saúde de referencia por profesionais especialistas en pediatría.

Existen diversos problemas que recrudecen o problema da ausencia de profesionais de pediatría:

-       Unha nula vontade do Goberno galego para reclamar do Goberno de España nos últimos anos o aumento notorio de prazas de MIR previa
-       Deficiente política laboral que prima a inestabilidade e eventualidade nos profesionais
-       Ausencia de políticas de contratación con visión a medio e longo prazo que non só eviten a fuga de profesionais de Galicia a outras comunidades autónomas, senón que procure incorporar ao sistema galego a profesionais doutros lugares.

O problema do deficiente número de profesionais ten consecuencias na perda de calidade do servizo, de aí a agrupación de pediatras en torno a centros de saúde que funcionan como puntos de referencia comarcais.

É urxente considerar o servizo de pediatría coa importancia que merece e facer un plantexamento común que resolva o problema actual e deseñe as medidas a medio e longo prazo para estabilizar a situación da pediatría coa vontade de fortalecer un servizo moi demandado, valorado e necesario para  cidadanía.

Polo anteriormente exposto, a Corporación Local do Concello de Arteixo, insta o Goberno da Xunta de Galicia a:

 1.    Dotar da maior estabilidade posible aos/as profesionais de pediatría, traballadores do Sistema galego de saúde, co obxecto de que non se consolide a súa precaria situación laboral, evitando así a fuga de profesionais por motivos de condicións laborais.

2.     Retrasar voluntariamente a idade de xubilación dos profesionais.

3.     Desenvolver un plan de contratación de profesionais de pediatría en atención primaria, abrindo a posibilidade de incorporar o maior número posible de especialistas, para obter unha solución o máis áxil posible do problema da ausencia de persoal para o servizo.

4. Acordar co Goberno de España a axilización dos procesos de acreditación de prazas de novo ingreso á formación especializada en pediatría, e dotar dos recursos necesarios aos centros sanitarios para que exista a mellor cobertura posible de todo o proceso formativo.

5.     Continuar coa implantación de enfermaría pediátrica, xa que a pesar da creación da especialidade no ano 2005, o impacto deste novo especialista en atención á infancia en Atención Primaria é escasa ou nula.
Anterior
Anterior

Antes de aprobar a modificación das normas urbanísticas do Polígono de Sabón, o Goberno do PP en Arteixo debera paralizar as licenzas para novos usos comerciais no seu interior, atendendo as nosas demandas e as realizadas polo Centro Comercial Aberto, apostando polo comercio local e un mellor tráfico nas súas rúas.

Siguiente
Siguiente

O Goberno do PP en Arteixo debe poñer os medios para garantir que a veciñanza non volva a sufrir o acontecido co incendio da planta de compostaxe do Rañal