Despois do lamentable espectáculo mostrado nas declaracións pola morte dunha veciña de Vilarrodís e ante a incapacidade para xestionar o Departamento de Persoal e á Policia Local do Concello de Arteixo, Carlos Calvelo debera cesar sen demora a José Mª Sánchez Novo, e tomar as rendas dunha administración sen rumbo.
Durante os meses do verán o Grupo Municipal
Socialista de Arteixo pediu a dimisión e posteriormente o cese do 1º
Tenente-Alcalde do Concello de Arteixo, derivado das impresentables
declaracións que fixera trala morte dunha veciña de Vilarrodís, solicitude que
foi contestada en Pleno, polo alcalde Carlos Calvelo, con insultos e
descalificacións cara aqueles que só desexábamos salvar o bo nome da nosa
administración ante unha sociedade, que non entendía como pode desenvolver
competencias tan sensibles como a seguridade e a xestión do persoal, unha
persoa tan irresponsable e que trata con tanta falta de respecto aos seus
administrados.
Aínda non pasaron nin 6 meses desa solicitude e
observamos como a esa irresponsabilidade e falla de respecto, hai que sumarlle
unha absoluta incapacidade para xestionar os departamentos que ten ao seu cargo.
Co persoal nunha situación precaria, incumprindo
o compromiso de aprobar a VPT feita polos sindicatos, cun inasumible número de postos
de plantilla sen cubrir neste momento (poderían ser preto de 90), sen ter no
horizonte unha de oferta de emprego público, coa plantilla completamente saturada,
desmoralizada e anoxada, por outra banda a situación coñecida da Policía Local,
cun número de efectivos insuficiente dende fai moitas datas, que fai que a
cidadanía estea preocupada pola súa seguridade e sen que o dirixente popular
sexa capaz de darlle solución.
Ante todo esta problemática, o concelleiro desapareceu
e agochouse nas saias do Alcalde, sen dar solución a ningún dos problemas que
ten nos departamentos que supostamente tiña que dirixir. Dende o Grupo
Municipal Socialista cremos que xa é tempo de que o máximo mandatario tome as
rendas, solucione os problemas de falla de xestión en materia de persoal e de
seguridade e actúe cesando a quen demostrou que non ten capacidade para
xestionar cuestións tan importantes para a nosa cidadanía.