O PSOE de Arteixo propón rexenerar a canteira de Barrañán e celebrar alí un festival de música - Municipais #26M
Os socialistas inclúen
no seu programa unha batería de políticas destinadas á mocidade como alugueiros
sociais, becas ou programación cultural todas as fins
de semana
“A
mocidade en Arteixo parece que non existe para o Goberno do PP. Desde o PSdeG-PSOE
cremos que é necesario facer políticas concretas orientadas á vivenda, o
emprego e formación e tamén á cultura e ao ocio”, asegura Martín Seco,
candidato socialista. Dentro deste último apartado, propoñen a rexeneración da
canteira de Barrañán para celebrar alí un festival de música, ademais de poñer
en marcha un programa de ocio todas as fins de semana.
No
apartado social, o PSdeG-PSOE de Arteixo, “conscientes dos problemas que ten a
mocidade para independizarse”, quere impulsar os alugueiros sociais, dentro da
Oficina da Vivenda que recollen no seu programa. Así como becas para o estudo
de idiomas no estranxeiro e a inclusión de robótica e xadrez nos centros
educativos.
Os
socialistas queren que a rede de bibliotecas do municipio dispoñan de salas de
estudo. Unha actuación que poderase levar a cabo unha vez que se constrúa a
Casa das Artes, que se dotará de locais de ensaio e dunha Escola de Danza.
“Estas son algunhas das eivas que temos detectado ao falar ca veciñanza, como a
falta de apoio aos deportistas locais que nós queremos corrixir cunha liña de
axudas”, indica Seco.
O
candidato socialista subliña que se chegan á Alcaldía, establecerán mecanismos
para que a mocidade do concello participe da vida pública. Para elo, “haberá
representantes xuvenís no Concello”, explica Seco.
Todas
estas medidas compleméntanse con outras políticas dirixidas a máis sectores de
poboación, como por exemplo a bolsa de emprego que nutrirá de traballadores á
Empresa de Servizos ou as diferentes políticas de Servizos Sociais.