“Arteixo goza dunha fabulosa actividade cultural e a Casa das Artes permitirá aos distintos colectivos ter espazos axeitados”
A proposta socialista inclúe a
creación dunha Escola de Danza e a posta
en marcha de locais de ensaio para “ás formacións musicais en xeral, pero sobre
todo para ás mozas e mozos que están a empezar”, explicou Martín Seco
A Escola Municipal de Música cada ano conta con máis solicitudes de
admisión, pero non pode medrar porque o centro cívico está colapsado.
“Queremos, dunha vez por todas, dar unha solución a este problema e habilitar
un espazo específico para a EMMA e para a banda municipal de música de Arteixo
na Casa das Artes”, indicou Seco. Desta maneira o centro cívico pode destinarse
ás actividades literarias, escénicas e expositivas coa creación dunha sala de
estudo, unha biblioteca infantil “tan reclamada polos usuarios e usuarias”,
clube de lectura ou aulas específicas para as asociacións teatrais do concello.
O inmoble, ademais, permitiría a integración urbanística da poboación da
Travesía de Arteixo no centro do núcleo urbano e fomentaría a actividade
comercial e hostaleira. Tamén está previsto un
aparcadoiro nas inmediacións da Casa das Artes, o que resolvería o problema do
aparcamento na zona a determinadas horas.
En definitiva, a Casa das Artes suporía:
- - Ampliación da Escola Municipal de Música en espazo,
contidos e horarios
- - Ofrecer un espazo axeitado á Banda de Música Santiago de
Arteixo
- - Creación da Escola de Danza
- - Espazo para asociacións culturais do municipio
- - Locais de ensaio e gravación para grupos de música locais