Solicitamos a implantación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a electrificación da flota municipal
O Partido Socialista de Arteixo, como
mostra do seu compromiso polo medio ambiente e a economía verde, vai solicitar
ao goberno local no próximo pleno a instalación
de puntos de recarga públicos para vehículos eléctricos en puntos
determinados do concello nos cales poden ser moi utilizados.
Ademais, concreta que estes puntos deben cumprir 3 premisas: ser
sostidos con enerxías renovables, ser de acceso directo e sinxelo, como
unha gasolineira tradicional, sen requirir a adquisición de tarxetas exclusivas
para o servicio, e ter un prezo razoable
para o usuario, en relación cos custos de mantemento e da enerxía.
Os socialistas tamén impulsaremos a
electrificación da flota municipal cando sexa necesario efectuar renovacións na
mesma, pois os custos de operación e mantemento destes vehículos son moito
menores que nos tradicionais.
Ademais, e como demostran os datos de
ANFAC (Asociación Nacional de Fabricantes de Automóviles y Camiones), a compra
de vehículos eléctricos (que axudan a limitar o ruído e a contaminación
derivada da circulación) non para de medrar.
Un aire máis limpo repercute
directamente na saúde dos habitantes, reducindo a acumulación de elementos
nocivos no organismo e o risco, por tanto, de padecer enfermidades relacionadas.
Segundo Simón López “os socialistas debemos apoiar modelos de transporte
máis sostibles, que teñen unha das súas bases nos vehículos impulsados por
enerxías limpas, coma a eléctrica”.