Rogo pedindo a devolución da plusvalía a unha familia de Pastoriza como pide o Valedor do Pobo e a derogación de dito imposto
ROGO
O día 8 de Marzo o Grupo Municipal
Socialista recibía a veciña Silvina Gorgoroso ante a problemática polo cobro
dunha plusvalía nunha situación de dación en pago dunha vivenda de Pastoriza,
aproveitamos esa visita para axudarlle a presentar unha reclamación da
cantidade reclamada polo noso concello, nun imposto declarado contrario a norma
constitucional polo Tribunal Constitucional, presentamos nese momento unha
moción pedindo que se estableceran mecanismos para paralizar e asesorar aos
afectados polo cobro dun imposto “posiblemente” ilegal e nas alegacións ao
orzamento de 2018 solicitamos a súa derrogación ante os derradeiros fallos dos
tribunais que están a invalidar dito cobro.
Tivemos noticia polos
medios de comunicación que o Valedor do Pobo solicitou deste concello que exima a esta familia de Pastoriza de pagar os 663
euros polo tributo de la plusvalía municipal por entregar a súa casa ao banco
para cancelar parte da súa hipoteca. O
Valedor argumenta que o Concello, responsable do cobro da plusvalía, debe
realizar "unha interpretación flexible dos requisitos estipulados na
norma" co fin de non "desvirtuar" o espírito da mesma.
"Parece que a vontade do lexislador foi facilitar que as familias
afectadas polo pago deste tributo puidesen beneficiarse da exención sen ver
coartado o seu dereito por rigorosos formalismos", indica o Valedor. Este
organismo advirte de que "a aplicación estrita dunha norma podería
comportar paradoxicamente o incumprimento da mesma cando do rigor formalista
derívase un descoñecemento da vontade expresada con claridade polo lexislador.
A institución tamén sinala que
"entra dentro do razoable e previsible" que as familias que entregan
as súas vivendas ao banco para cancelar unha hipoteca "non esperen ao
momento exacto" da firma do acordo para así poder atopar outra residencia. A familia afectada debía abandonar a súa casa
o 20 de xaneiro de 2017, co que decidiu alugar un piso e empadroouse nel o 23
de decembro de 2016 para dar de alta a luz e a auga. Esta familia residiu na
súa anterior vivenda preto de 12 anos.
Dende
o noso Grupo Municipal desexamos rogarlles:
- Despois de
escoitar sen éxito as peticións deste grupo que lles escribe e ante a
petición dunha entidade como o Valedor do Pobo, rogámoslles que dean
marcha a tras e eximan á familia de Silvina Gorgoroso do pago desta
plusvalía.
- Que derroguen o
imposto de plusvalía, despois de ver como os tribunais están a ditaminar
en contra do seu cobro ao declaralo inconstitucional e tendo en conta que
están a atascar o departamento de
tesourería e terán que proceder a devolver o cobrado irregularmente en datas
vindeiras.