Moción en relación a adhesión da Corporación de Arteixo á petición socialista para a creación do Consorcio Metropolitano de Mobilidade da Coruña (CMMC) e a incorporación de Laracha, Carballo e Cerceda a dito proxecto.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os socialistas da cidade e comarca vimos de
acordar unha posición conxunta do noso partido con respecto ao futuro da Área
Metropolitana de A Coruña, partindo da nosa posición de apoio a unha realidade
metropolitana, como fenómeno innegable para o futuro do benestar dos cidadáns
desta comarca, pero apostando claramente por unha serie de premisas que
garantan a viabilidade do proxecto.
Os socialistas de toda a comarca sabemos da
necesidade e a importancia que ten a implicación do Concello de Arteixo na idea
de área metropolitana, que non pode existir sen a participación do noso
concello e parécenos razoable que se conte coa posible incorporación de
municipios como Cerceda, Laracha e Carballo, se fose o seu desexo, para crear
un área con máis fortaleza e posibilidades.
Os socialistas defendemos que as solucións metropolitanas
deben ter como centro ao cidadán e á cidadá que vive, traballa, descansa,
desprázase, usa e demanda servizos sen distinción de quen llos presta por iso
este proceso debe ir moito máis alá dunha mera declaración, como foi a
promovida polo Concello da Coruña, e cumprir con medidas serias esa necesidade
de unión metropolitana. Tamén demandamos que os participantes no proceso
metropolitano presenten as análises de viabilidade económica que permitan ao
conxunto da cidadanía de toda a área coñecer as vantaxes e as consecuencias
para os recursos públicos da constitución dun novo ente local e negámonos a que os retrasos acumulados
obriguen a ter que agardar os longos prazos que requiriría a tramitación dun
proxecto de lei de área metropolitana da Coruña para ofrecer á cidadanía
solucións que hoxe en día xa se saben técnica e economicamente viables e que
mellorarían claramente a súa vida, como a que afecta á mobilidade. Por iso, o
PSdeG - PSOE propón a constitución, como primeiro ente metropolitano, do Consorcio
Metropolitano de Mobilidade da Coruña (CMMC), cuxa principal misión será
xestionar o servizo de transporte de viaxeiros no conxunto dos Concellos da
área, reunindo nun só ente, a xestión da mobilidade urbana, periurbana e
interurbana.
A cidadanía metropolitana ten todo o dereito á
recibir das administracións os servizos de maior calidade e maior eficiencia,
prestados con eficacia e xestionados de xeito transparente. Ese é o espírito
que debe guiar o traballo político municipal.
Por todo
iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte ACORDO:
Os Grupos Municipais do Concello de Arteixo acordan:
- Apoiar os traballos que redunden na creación dun
ente supramunicipal que mellore a calidade dos servizos que reciben os
cidadáns desta área metropolitana
- Demandar dos concellos participantes no proxecto
Vontade Metropolitana a presentación dunha análise de viabilidade
económica que permita ao conxunto da cidadanía de toda a área coñecer as
vantaxes e as consecuencias para os recursos públicos da constitución dun
novo ente local.
- Incluír no proceso de creación da
área metropolitana aos concellos de Laracha, Carballo e Cerceda, se eles o
solicitan.
- Apoiar a proposta socialista para
crear sen dilación un Consorcio
Metropolitano de Mobilidade da Coruña (CMMC), cuxa principal misión será
xestionar o servizo de transporte de viaxeiros no conxunto dos Concellos
da área, reunindo nun só ente, a xestión da mobilidade urbana, periurbana
e interurbana.