O Grupo Municipal Socialista de Arteixo pide modificacións nas bases de axudas para a instalación de ascensores e eliminación de barreiras arquitectónicas en vivendas de uso colectivo


O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou hoxe as súa proposta de modificación ás bases de axudas para instalación de ascensores e eliminación de barreiras, que o Goberno do PP retirou no pleno do mes de Abril.

Os socialistas queremos un sistema máis xusto e que chegue a tódolos cidadáns que necesitan esta subvención, para o cal incluímos modificacións como ampliar as actuacións subvencionables, como os elementos de información e aviso para a orientación de persoas discapacitadas, eliminar a necesidade de ter que elixir entre as tres modalidades de axudas propostas polo goberno, establecer a bonificación do 95% do ICIO en ditas obras, incluír ás mancomunidades, agrupacións de propietarios ou propietarios individuais de vivendas colectivas, pedimos o troco da porcentaxe da superficie útil de uso residencial, do 50% ao 80%, excluíndo baixos e entresolos, e para que a partida orzamentaria de 110.000 euros, chegue a máis veciños pedimos o troco do máximo de subvención a 10.000 euros e do de sistema de concesión, pasando a ser de concorrencia competitiva e non por orde de chegada das solicitudes, para que teñan preferencia  as vivendas con veciños con capacidades diferentes, os maiores, as de maior número de vivendas ocupadas, ás de máis altura e de maior antigüidade, establecendo un sistema de compensación para os quen non sexan beneficiarios desta subvención en cada exercicio, que adquiran maior puntuación nos seguintes e non teñan que volver a facer a solicitude.    
  
Os socialistas de Arteixo cremos que é unha boa nova que o concello axude a  eliminar barreiras e modernizar o parque de vivendas antigas de Arteixo con estas subvencións, pero non debe limitarse aos ascensores e accesibilidade das vivendas colectivas, débese tamén actuar sobre o resto da accesibilidade nas rúas, edificios públicos e nas vivendas unifamiliares, nas que debe incluír as do rural, polo que cremos que o importe desta subvención debe animar e axudar aos veciños a instalar estas infraestruturas, pero en ningún caso sufragarlles os gastos case que ao completo das obras, o concello non pode asumir un gasto de tantos millóns de euros como plantexa o Grupo de Goberno do PP, existindo tantas necesidades sociais e de fomento emprego sen atender.

MODIFICACIÓNS PROPOSTAS POLO GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE DE ARTEIXO NAS BASES ESPECÍFICAS DO PROGRAMA TRIENAL 2017-2019 DE CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA MELLORA DE ACCESIBILIDADE: INSTALACION DE ASCENSORES E A ELIMINACIÓN DE BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS NOS EDIFICIOS RESIDENCIAIS COLECTIVOS DO MUNICIPIO DE ARTEIXO. 


1.- Trocar as actuacións subvencionables do artigo 2.3 por: 

a) Primeira instalación de ascensores, salvaescaleiras, plataformas elevadoras, ramplas ou calquera outro dispositivo de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial
b) Instalación de elementos de apoio, como grúas ou aparellos análogos, que faciliten o acceso e uso por persoas con discapacidade a elementos comúns da edificación
c) Instalación de elementos de información e aviso, luminoso e sonoro, que facilite a orientación no usos de ascensores e escaleiras
d) A obra civil de baixada a ‘cota 0’ precisa para a substitución de ascensor
e) Calquera outra instalación de elementos e/ou obras que sirvan para salvar o desnivel existente ata o portal e entre este e o ascensor -peldaños, escalóns...—e, en xeral, contribúan a salvar as barreiras arquitectónicas en escaleiras e vestíbulos
f) Honorarios profesionais, custo de redacción de proxectos, informes técnicos e certificados, que sexan preceptivos, así como, gastos derivados da tramitación administrativa, sempre que todos eles estean debidamente xustificados
g) En xeral, consideraranse subvencionables os custos de equipamentos, materiais, obra civil, man de obra e os impostos indirectos asociados a obra e posta en servizo do ascensor, de maneira que quede operativo

2.- Eliminar a necesidade de elixir entre unha das liñas propostas no artigo 2.3

3.- Establecer nestas bases a aplicación da bonificación do 95% do ICIO para estas obras conforme o establecido na ordenanza fiscal número 4, no artigo 7.1 A) “Construccións, instalacións e obras declaradas de especial interés ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, que xustifiquen tal declaración”

4.- Modificar na base terceira os Beneficiarios, quedando a redacción:

Poderán obter a consideración de beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou xurídicas que teñan a condición de propietarios do inmoble, tanto sexan comunidades de propietarios en réxime de propiedade horizontal, mancomunidades ou agrupacións de comunidades, legalmente constituídas, así como, agrupacións de propietarios ou propietarios únicos de edificios de vivendas, nas que se cumpran os requisitos desta convocatoria, que promovan e executen ou teñan executado no correspondente as actuacións obxecto de fomento.
No caso de comunidades de propietarios ou mancomunidades/ agrupacións de comunidades legalmente constituídas, deberase acreditar coa solicitude que se encontran debidamente constituídas, conforme ós artigos 2 e 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de Propiedade Horizontal (LPH) e demais normativa que lle resulte de aplicación.
Cando se trata de comunidade de propietarios “de feito”, é dicir, agrupacións de propietarios non constituídas en réxime propiedade horizontal ou propietarios únicos de edificacións de vivendas, así como, doutras entidades que carezan de personalidade xurídica, deberá facerse constar, tanto na solicitude como na resolución, os compromisos de execución asumidos por cada un dos membros da agrupación no proxecto total, así como, o importe da subvención a aplicar para cada un deles, que tamén terán a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación na actuación fronte á Administración. Non poderá disolverse a agrupación ata transcorrido o prazo de prescrición previsto nos arts 35 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 65 da LXS.
Debe terse presente que a estas comunidades, cando reúnan os requisitos establecidos no art. 396 do CC, porén non teren outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal, rexeranse polas disposicións da LPH no relativo ó réxime xurídico da propiedade, das súas partes privativas e elementos comúns, así como, en canto a dereitos e obrigas recíprocas dos comuneiros.
Requirirase acordo da Xunta de Propietarios, conforme ó réxime de acordos previsto no art. 17.2 e 8 da LPH, no que se acorde a necesidade da instalación do ascensor ou a execución de calquera das obras ou actuacións subvencionadas, sempre que sexa tecnicamente posible, de xeito que se dean as condicións de seguridade estrutural e construtiva que garantan a viabilidade da intervención, se aprobe o proxecto de execución da instalación e/ou obras (IVE incluído), no caso da instalación de ascensor elaborado por empresa instaladora habilitada, no que se inclúa a forma de aboamento e as contías correspondentes a cada un dos copropietarios. Así mesmo, incluirá o acordo de solicitar a este concello a subvención que pola presente se regula.
Isto, sen prexuízo do carácter obrigatorio sen necesidade de acordo previo, no caso de actuacións impostas polas Administracións Públicas ou a instancia de particulares con arranxo á Lei 15/1995, de 30 de maio, sobre límites de dominio sobre inmobles para eliminar barreiras arquitectónicas ás persoas con discapacidade, previsto no art. 10.1.b) da LPH.

5.- Modificar a base cuarta de Requisitos das edificacións:

 A edificación  onde se pretenda levar a cabo a actuación subvencionable deberá reunir os seguintes requisitos:
a.  A edificación na que se executen as obras debe atoparse en solo clasificado como urbano e a actuación subvencionada ser permisible conforme á normativa urbanística vixente aplicable.
b. Debe tratarse de edificacións residenciais colectivas, con unha altura superior a dous andares (excluído a planta baixa), cunha antigüidade superior a 20 anos, que carezan de ascensor ou que precisen obras de accesibilidade e/ou eliminación de barreiras arquitectónicas.
c. As edificacións estarán destinadas nun mínimo dun 80% da superficie útil a uso residencial, excluído do cómputo a planta baixa cando non se destine a uso de vivenda e as superficies baixo rasante.
d. De conformidade coa disposición transitoria segunda do RDL 7/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Solo e Rehabilitación Urbana (TRLSRU), os edificios cuxos titulares pretendan acollerse a axudas públicas para acometer obras de accesibilidade están obrigados a dispor do Informe de Avaliación dos Edificios regulado no seu art. 29, con anterioridade á formalización da petición da correspondente axuda.
e. A edificación en cuestión non debe ter incoado ningún expediente de protección ou restauración da legalidade urbanística nin tratarse de edificacións ruinosas declaradas así mediante resolución firme conforme á lexislación vixente ou respecto das que exista en trámite expediente contraditorio de ruína.
f. Declarase que non existe contenda ou litixio xudicial por mor da titularidade do inmoble

6.- Modificar na base sétima de Importes, límites e incompatibilidades das axudas o punto 7.1:
Establecendo unha cuantía máxima subvencionable de 10.000 euros ou un 50% dos custos totais subvencionables, independentemente das actuacións  que se vaian a realizar dentro dos preceptos tasados no punto 2.3 e ata un máximo de 1.000 euros en concepto de honorarios, excluído o IVE, correspondentes á redacción do proxecto, certificados, informes e demais documentación técnica preceptiva, sendo o máximo total subvencionable de ámbalas dúas de 10.000 euros.

7.- Eliminar no punto 8.1 de Gastos Subvencionables a referencia as tres liñas, e a inclusión de só ata 1.000 euros de honorarios, como expuxemos no punto anterior

8.- Modificar a base Novena de Criterios de selección

As subvencións adxudicaranse en réxime de concorrencia competitiva, por unha comisión de valoración técnica, que recibirá solicitudes ata o mes de Novembro de cada exercicio e fallará segundo os seguintes criterios:

A concesión destas axudas atenderá a criterios obxectivos e tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo sempre como límite a dispoñibilidade orzamentaria destinada para tal fin en cada exercicio. Neste senso, levarase a cabo a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas, de acordo cos criterios de valoración que se indican, adxudicándose as axudas proporcionalmente á puntuación obtida, co límite máximo total de 100 puntos e dentro do crédito dispoñible:

a.—Antigüidade da edificación. Sen prexuízo da documentación acreditativa achegada polos interesados, a Administración convocante consultará nos arquivos municipais a data de primeira ocupación do inmoble ou cédula de habitabilidade. Ata un máximo de 25 puntos:
— entre 20 e 30 anos: 10 puntos
— entre 30 e 50 anos: 20 puntos
— mais de 50 anos: 25 puntos

b.—Número de andares, partindo do mínimo esixible para tomar parte da presente convocatoria. Ata un máximo de 10 puntos:
— baixo + tres andares (mínimo): 5 puntos
— maior número de andares: 10 puntos

c.—Número de vivendas ocupadas, con independencia do réxime de ocupación (propiedade ou arrendamento). Ata un máximo de 10 puntos:
— ata catro vivendas: 5 puntos
— mais de catro vivendas: 10 puntos

d.—Accesibilidade de residentes. As dificultades engadidas que teñen determinados colectivos antes a existencia de barreiras arquitectónicas nos seus lugares de residencia, fai necesario ofrecerlle unha maior protección que redunde na mellora das súas condicións de accesibilidade. Ata un máximo de 30 puntos.
— mínimo do 50% dos residentes con idade igual ou maior a 65 anos: 10 puntos
— mínimo dunha persoa con discapacidade ou mobilidade reducida, legalmente recoñecida: 10 puntos.
— mínimo dunha unidade familiar cunha persoa en situación de dependencia, debidamente acreditada: 10 puntos
Cando nun mesmo residente concorreran discapacidade ou mobilidade reducida e situación de dependencia, a puntuación será única de 10 puntos.

e.—Orzamento. Terase en conta o esforzo económico realizado pola propiedade, de xeito que, aquelas actuacións que supoñen un investimento superior a 50.000 €, terán unha puntuación adicional de 10 puntos.

f.—Catalogación. Existen edificacións situadas en zonas urbanas ou barrios concretos que, polas súas características, están suxeitos a un determinado nivel de protección, que os fan merecedores dunha especial consideración. Ata un máximo de 15 puntos.
— catalogación ambiental: 5 puntos
— catalogación estrutural: 10 puntos
— catalogación integral: 15 puntos

As solicitudes xa presentadas e que non foran seleccionadas dentro do orzamento de cada exercicio, terán no seguinte exercicio 10 puntos a maiores dos acadados neste e 20 puntos no seguinte, non sendo necesario que presenten de novo a solicitude, salvo que renuncien expresamente a ela.


Anterior
Anterior

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo solicita ao goberno municipal que estude a posibilidade de mercalo solar da antiga sala de festas EVA, para favorecer a mobilidade no casco urbano de Arteixo e dotar aos veciños de maior espazo público

Siguiente
Siguiente

Martín Seco reúnese co representante de zona do PSdeG-PSOE na Deputación de A Coruña, Julio Sacristán, preocupado polos problemas xerados polo pintado da estrada do ente provincial en Uxes