MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO PARA REDUCIR O IVE CULTURAL
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O 1 de setembro de 2012, o Goberno do Partido Popular impuxo unha drástica subida do IVE Cultural sobre o consumo dos seus bens e servizos, con excepción do sector do libro, fixándoo na franxa máis alta de toda Europa: o 21%. Esta medida non tivo o impacto recadatorio desexado e supuxo un claro golpe para a cultura, tanto no referido á creación como no acceso á mesma pola cidadanía.
Os datos do Ministerio de Facenda revelan que a subida do IVE Cultural supuxo unha recadación menor da esperada, á vez que prexudicou gravemente ao sector cultural español cunha perda constante de público, unha drástica diminución na creación e produción e conseguintemente, cun aumento do paro e a destrución do tecido empresarial en sectores como o cinema, o teatro e a música.
Convén lembrar que, en termos económicos, a actividade cultural en España ascendeu a máis de 26.000 millóns de euros no 2012 (último dato publicado: Anuario de Estatísticas Culturais 2014), e a súa achega ao PIB sitúase no 3,4 %, incluídas as actividades vinculadas á propiedade intelectual. Isto supón un peso similar ou superior, no conxunto da economía, ao xerado polos sectores da agricultura, gandaría e pesca (2,5% PIB), a industria química (1% PIB) ou as telecomunicacións (1,7% PIB).
A subida desproporcionada do IVE está a prexudicar gravemente á Cultura como sector de oportunidade de crecemento económico e tamén ás posibilidades de acceso á mesma por parte da cidadanía.
A fiscalidade aplicada aos produtos da creación é unha tremenda mostra de miopía por parte deste Goberno; a Cultura, coas súas diferentes manifestacións e sensibilidades, enriquece, facilita e fortalece a convivencia na sociedade, e é un dos elementos básicos da nosa proxección internacional, sendo todo iso un dos mellores legados para as xeracións futuras.
As administracións locais non son alleas a esta problemática de forma directa. Moi ó contrario, na súa función de dinamizadoras e promotoras culturais, nalgúns casos cun papel principal, son tamén prexudicadas con esta medida.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal o seguinte ACORDO :
INSTAR AO GOBERNO DE ESPAÑA A:
1. Reconsiderar a subida do IVE para os bens e actividades culturais, establecendo o seu tipo no 5%, mantendo o 4% para o libro.
2. Propor e defender no seo das Institucións da UE, o establecemento dun IVE reducido para a Cultura e que estea harmonizado en todo o territorio da Unión.