O PSOE aposta por un PXOM sen mans negras, con participación social e de tódolos representantes políticos
Martín
Seco critica o incumprimento de Calvelo da súa promesa de non
presentarse ás eleccións en caso de non ter aprobado o plan coa
maioría absoluta
A aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é unha prioridade no programa do PSOE de Arteixo. Un documento que debe regular o urbanismo do municipio e que, por tanto, debe cumprir coas necesidades de todos e non só duns poucos.
Por esta razón, o candidato socialista, Martín Seco, avoga pola elaboración dun plan no que toda a sociedade arteixana sexa partícipe, onde a cidadanía e todos os partidos políticos con representación na corporación municipal teñan voz. Así, Martín Seco asegura que a intención do PSOE pasa por recoller todas as suxerencias e as necesidades que a nivel urbanístico expoñan os cidadáns en cada recuncho de Arteixo.
Neste sentido, o PSOE, no caso de obter unha maioría necesaria, comprométese -e así o fixo ante notario o pasado mércores- a desenvolver un PXOM para todos, sen mans negras e no que todos os veciños teñan cabida, non só os poderosos, para quen parece facelo o Partido Popular.
Por último, Martín Seco lémbralle ao alcalde e candidato do PP, o señor Calvelo, o incumprimento da promesa que fixo de non presentarse a estas eleccións se non aprobaba a PXOM no caso de ter maioría absoluta, da que gozou este catro anos.