Martín Seco porá en marcha un portal de transparencia para abrir o Concello aos veciños e fomentar a participación cidadá
Os socialistas
limitarán o mandato do alcalde a oito anos consecutivos
O
candidato socialista á Alcaldía, Martín Seco, aposta por implantar
en Arteixo unha transparencia real e efectiva. Para isto, os
socialistas elaborarán unha nova Ordenanza de Transparencia
Municipal de cara á publicación dos presupostos, proxectos, actas,
convenios, retribucións, ou datos dos representantes públicos,
entre outras cuestións. A transparencia é unha das principais
preocupacións dos cidadáns, que así o manifestan nos encontros que
o candidato está a desenvolver nas distintas parroquias durante a
campaña electoral.
Nesta
liña, Martín Seco propón a creación dunha nova web municipal, así
como aplicacións móbiles para adaptar o concello de Arteixo á
realidade social actual, cun Foro Municipal para que a cidadanía
poida opinar sobre os proxectos, obras e inversións municipais, así
como un Buzón Municipal, que sexa un canal directo de comunicación
con concello e obter así respostas directas sobre avisos de avarías,
preguntas ao alcalde e concelleiros…
Outra
das medidas deste plan é a creación dun Portal de Transparencia
onde veña recollida a información e documentación municipal, que
incluirá tamén a posibilidade de pedir cita co alcalde e os
concelleiros. Martín Seco fai fincapé na importancia que a
participación cidadá ten para que o concello sexa aberto e
transparente. Por isto, os veciños de Arteixo poderán participar
directamente na asignación dunha porcentaxe do presuposto municipal.
Tamén
na liña da transparencia van outras medidas que o candidato
socialista porá en marcha no próximo mandato, comezando coa
limitación do exercicio de alcalde a oito anos. Ademais, publicarase
a axenda xeral do alcalde, abrirá o rexistro municipal polas tardes,
vaise poñer en marcha unha sede administrativa na zona norte,
realizaranse consultas sobre cuestións importantes, e se buscará a
reforma e revitalización do sistema de Consellos Veciñais. As
propostas dos socialistas inclúen tamén a instalación de
taboleiros informativos en tódalas parroquias e a redución
significativa do número de asesores e dedicacións exclusivas, así
como as dietas dos concelleiros de goberno.