O deputado Martín Seco reclámalle á Xunta e Concello de Arteixo que desbloqueen o traslado das liñas de alta tensión que atravesan a urbanización Solymar de Arteixo

O portavoz de industria do grupo parlamentario socialista sinala que “Concello e Xunta de Galicia foron os responsables desta problemática e agora teñen a obriga de actuar para afastar a infraestrutura” das vivendas

Martín Seco con representantes da plataforma de afectados Solymar no Parlamento de Galicia

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta e ao Concello de Arteixo que desbloqueen o traslado das liñas de alta tensión que atravesan a urbanización Solymar, na parroquia de Oseiro, en Arteixo. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria, que foi seguida dende as instalacións do Grupo Socialista pola plataforma de afectados.

Seco sinala que os veciños e veciñas da urbanización, que conta con 1.500 residentes, levan 25 anos reclamando unha solución a estas instalacións que vulneran a normativa comunitaria que obriga a manter unha distancia mínima de 200 metros, cando hai casas que se atopan a menos de 10 metros das liñas de alta tensión. Esta cercanía relaciónase, segundo a plataforma de afectados, con “moitos casos de cancro, ansiedade, problemas hormonais e molestias polo ruído”.

Sinala que o actual alcalde do PP acumula “11 anos de promesas incumpridas” para resolver este problema, que non resolveu a pesares de comprometerse en 2013 que asumiría ata 1,5 millóns de euros de fondos propios para o traslado das liñas. Sen embargo, “non sabemos que cantidade estaría disposta a asumir a Xunta nin se están en contacto coas empresas eléctricas para involucralas no financiamento do traslado”.

Advertiu de que a cidadanía de Solymar “necesita feitos que fagan realidade as promesas do seu mandatario local”, que xestiona un Concello con máis de 60 millóns de euros de orzamento, e con “millóns de remanentes nas súas arcas”. Sen embargo “impídelle aos veciños sacarse de encima esta infraestrutura eléctrica” bloqueando calquera tipo de decisión.

Martín Seco reclamou que o concello poña os terreos necesarios a disposición do traslado a través dun plan especial de infraestruturas, iniciando de novo as negociacións coa Xunta para a declaración de utilidade pública deste plan e pechando o financiamento do traslado co goberno autonómico.

Lembra que no ano 2008, o goberno socialista de Arteixo iniciou o cambio urbanístico, acadando un principio de acordo coa Consellería de Industria, que foi bloqueado coa chegada do PP ao goberno galego. Dende entón, nin o goberno galego nin o alcalde, de novo do PP, foron quen de cumprir cos compromisos acadados para o traslado das ditas liñas, malia que Red Eléctrica si que ten confirmado hai poucas datas a disposición para redactar o proxecto.

Anterior
Anterior

O parlamentario Martín Seco denuncia que a Xunta trata de quitar competencias a deputacións e concellos coa Lei de Áreas Empresariais

Siguiente
Siguiente

O deputado Martín Seco denuncia no Parlamento de Galicia a eucaliptización das brañas de Loira e da Serra, entre os concellos de Santa Comba e Coristanco