O Grupo Socialista levará ao Parlamento o desmantelamento da sanidade pública en Frades
O deputado Martín Seco alerta de que o consultorio de Abellá está sen médico e pechará no verán, mentres o Centro de Saúde de Ponte Carreira só ten unha médica 9 meses ao ano e carece de pediatra dende hai meses
O parlamentario socialista Martín Seco anunciou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para denunciar o desmantelamento da sanidade pública no Concello de Frades. Así o dixo logo dunha visita ao Concello xunto cos representantes do Grupo Socialista na Corporación Municipal, onde puideron constatar as eivas de persoal sanitario fundamental para atender á poboación.
Seco alerta de que o consultorio de Abellá leva varios meses sen médico “a pesares das promesas baleiras do goberno galego, que se comprometeu a recuperar o seu funcionamento logo da pandemia”. A día de hoxe as instalacións contan apenas cunha enfermeira, que tampouco estará nos meses de verán, nos que o consultorio permanecerá pechado.
Por outra banda, o Centro de Saúde de Ponte Carreira, que ten listados dous médicos e un pediatra, neste momento só funciona cunha médica, que cada ano toma tres meses de excedencia, o segundo titular está xubilado sen substituto e suma xa varios meses sen pediatra.
A día de hoxe o consultorio de Abellá no concello de Frades leva sen médico meses, pese as promesas do goberno galego despois da pandemia que volvería a funcionar e só conta cunha enfermeira que non está nos meses de verán que pecha o consultorio. Estas ausencias, dixo, “estanse a cubrir por días con diferentes profesionais a media xornada sen que exista previsión de cobertura dun día para outro”.
O responsable socialista recolleu as protestas dos veciños e veciñas, “desesperados” pola lista de espera na atención primaria, e sinalou os casos concretos dunha paciente que ten que agardar ata o 21 de xullo por unha cita para receitas, mentres outro deles viu como na web só tiña dispoñible dúas horas dos días 18 e 19 en todo o mes de xullo.