PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños instan ao goberno local de Arteixo a iniciar “sen demora” o proxecto de construción dunha nova residencia municipal de maiores

Os socialistas denuncian conxuntamente cos outros grupos da oposición a pasividade do goberno local ante a negativa do goberno da Xunta de incluír esta infraestrutura tan necesaria nos orzamentos de 2025, e consideran que o goberno municipal do Partido Popular debe iniciar os trámites para “facela realidade” cos seus propios medios.

O grupo municipal socialista de Arteixo, xunto cos grupos do BNG e Alternativa dos Veciños presentarán unha moción de urxencia no pleno de xaneiro para instar ao goberno local a iniciar “sen demora” o proxecto de construción dunha nova residencia municipal de maiores.

O portavoz socialista, Martín Seco, expón que en plenos anteriores se teñen presentado varias iniciativas para instar ao goberno local a pedirlle á Xunta de Galicia a construción dunha nova residencia de maiores en Arteixo, “xa que é a administración autonómica a que ten competencias exclusivas nesta materia” e atender  así “unha reivindicación social de moitas veciñas e veciños” despois de recoller miles de sinaturas.

“O propio pleno do concello de Arteixo aprobou por unanimidade unha moción que pedía que se aceptasen as emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, onde figuraba a construción desta nova residencia” sinala Seco, pero esas emendas foron rexeitadas polo Partido Popular no Parlamento de Galicia, “o que fará imposible que se redacte o proxecto neste ano”.

Martín Seco explica que outras administracións locais “ante a inacción do goberno galego” deciden asumir unha competencia que é autonómica e iniciar a construción desas infraestruturas para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas.  “O noso concello ten a sorte de dispoñer dunha forte capacidade de investimento cun elevado orzamento que debera de ser utilizado prioritariamente para dar mellor calidade de vida á nosa veciñanza” insiste o portavoz socialista, e reclama que na  oferta de servizos do concello “sexa prioritario o benestar dos nosos maiores” polo que o grupo socialista, xunto co resto da oposición, insta ao goberno local  a iniciar os trámites para atender esta demanda da veciñanza “cos seus propios medios, independentemente se conta ou non coa colaboración doutras administracións”.

“Ante a falla de compromiso do goberno da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda coa cidadanía arteixá, o goberno local debe e pode afrontar xa o problema” reclama Seco, quen demanda que o concello asuma a construción desta nova residencia municipal e xestione a totalidade das prazas ofertadas “tan necesarias para a nosa veciñanza”. “O goberno local non pode seguir escapando pola tanxente con peticións á administración provincial” que ten un programa para dotar de residencias comarcais a lugares pequenos como As Pontes, Ordes ou Rianxo, para compensar a falla de acción da Xunta, pero “cun sistema comarcal que pode deixar sen praza aos nosos maiores, nunha comarca que ten máis de 400.000 habitantes”.

Ademais “non hai excusas” remata Martín Seco, cando “segundo as informacións do propio grupo de goberno do PP o concello ten a disposición unha parcela situada na parroquia de Pastoriza para tal fin, polo que só depende do compromiso real do PP no goberno de Arteixo e na Xunta de Galicia”.

Anterior
Anterior

Arteixo modifica por segunda vez o Reglamento Orgánico Municipal para limitar a participación dos grupos da oposición

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a executar a urbanización da contorna da praza da Constitución de Meicende anunciada en 2014