Posibles irregularidades no curso de socorrismo en instalacións acuáticas do Concello de Arteixo
Os socialistas demandan información sobre a estrutura do curso, o cambio inxustificado dos horarios e se cumpre realmente os requisitos para habilitar a inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia.
O grupo municipal socialista preguntará ao goberno local no pleno de abril polo curso de socorrismo en instalacións acuáticas e espazos naturais programado para dar a formación necesaria a aqueles que desexen exercer de socorristas nos areais do concello.
“Unha boa iniciativa” afirma a voceira socialista, Ana Cedeira, “tendo en conta as dificultades dos últimos anos para atopar socorristas coa formación necesaria marcada polos novos decretos da Xunta de Galicia”, aínda que afirma que o seu grupo ten dúbidas sobre certas irregularidades na estrutura do curso, o cambio dos horarios e se realmente cumpre os requisitos para habilitar a inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia.
Os socialistas arteixáns indican que se fixo un cambio unilateral dos horarios do curso por parte da empresa contratada que impediu a algún dos admitidos puidese realizalo a pesar de ter praza.
Por outra banda, o grupo socialista sinala que se descoñece o sistema de contratación da empresa formadora así coma o contido das probas de selección ou os requisitos de aptitude mínimos necesarios para acceder ao curso e que convalidarían parte do seu contido.
Por todo isto, Cedeira comunica que o grupo socialista pedirá ao equipo de goberno as aclaración necesarias “ante as posibles irregularidades detectadas”.